Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sofre numerosas picadas de avéspora asiática tras tocar un niño tapado pola maleza

Sofre numerosas picadas de avéspora asiática tras tocar un niño tapado pola maleza

Estaba a rozar unha leira no concello de Padrón e as velutinas botáronse nel cando o tractor tocou o niño situado no chan

Este luns, catro días despois do suceso, o niño permanecía activo ao descuberto nesta leira de Carcacía
G24.gal 29/08/2022 13:59

José tivo o xoves, á porta dos 77 anos, unha vivencia tremenda ao botarse sobre el unha chea de velutinas.

Estaba a rozar co tractor esta leira próxima á súa vivenda no lugar de Sinde, no concello de Padrón. O seu traballo quedou a menos de medio facer nada máis tocar coa máquina un niño de avésporas asiáticas que estaba tapado pola maleza.

Ten picada das avespas velutinas por varias zonas do corpo, segundo nos relata e iso que, lembra, ía provisto dunha funda de traballo sobre a camisa e os pantalóns. Afirma que o atacaron e que aínda ten a pegada dos aguillóns polas costas, polos brazos. 

"Pero pola cabeza foi terrible. O ollo quedoume tapado no momento de picarme; xa se me cubriu e inchou ao momento. Teñen un veleno terrible.  Sorte que non son alérxico, senón xa quedo alí", di José Cajaraville.

Logrou chegar á casa é levárono ao centro de saúde e de aí, en ambulancia, ao hospital. Isto foi o xoves pasado e catro días despois non recuperou o seu ton físico. E o niño das velutinas seguía na leira e coas avésporas activas. José, que ten experiencia en desfacer niños de velutinas, cuestiona a maneira en que a Xunta está a afrontar o combate desta avéspora invasora:

"Que non digan que están a traballar. Están a facelo daquela maneira, como se di. O susto? É para quen viviu, eh! Moi grande ademais. Paseino mal. Non cheguei a perder o coñecemento, pero deume un mareo mesmo cando entrei no centro de saúde en Padrón caín. Deume un mareo e vaia...", conclúe José. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade