Steven Spielberg triunfa nos Globos de Ouro
Steven Spielberg triunfa nos Globos de Ouro
Cate Blanchett gañou o premio á mellor actriz dramática para o que estaba proposta Ana de Armas
Os Globos de Ouro volven coroar a Steven Spielberg. Coa súa cinta autobiográfica The Fabelmans, o director de 76 anos gañou nas categorías de mellor dirección e mellor película dramática. As mesmas en que estaba proposto James Cameron e o seu Avatar, que volveron de baleiro.
Tres estatuíñas máis levou o filme Almas en pena de Inisherin, que tiña oito propostas. Levou o premio á mellor película de comedia ou musical, mellor guión e mellor actor.
Colin Farrell recollía o premio da actriz hispano-cubana Ana de Armas, que tamén estaba proposta pola súa interpretación de Marilyn en Blonde. Pero o premio á mellor actriz de drama foi Cate Blanchet, que non asistiu á cerimonia.
Outros dous premiados tampoucos asistiron. Zendaya, galardoada como mellor actriz de serie dramática, e Kevin Costner, que con 67 anos logrou o mesmo premio en versión masculina.
Polo demais, o actor Austin Butler, que deu vida a Elvis na gran pantalla, foi recoñecido como mellor actor de drama. Un premio que recolleu ante a emocionada filla do rei do rock.
O Pinocchio de Guillermo del Toro conseguiu o Globo á mellor película animada. E a mellor película de fala non inglesa foi Argentina 1985. Un premio que o director Santiago Mitre dedicou aos que loitaron contra as ditaduras e a favor da democracia na Arxentina.
Nas categorías televisivas: dúas series dominaron: Colegio Abbott e The White Lotus.
Eddie Murphy levou o premio polos seus máis de 40 anos na industria e deixou unha das frases da noite, cando daba tres consellos para ter éxito.
"Mantén o nome da muller de Will Smith fóra da túa maldita boca".
Outra imaxe desta 80 edición dos Globos foi a intervención gravada de Volodimir Zelenski. O presidente ucraíno dixo que as futuras xeracións deberían coñecer a guerra só a través das películas.