Publicador de contidos
Publicador de contidos

Suspéndese ata o luns a busca do veciño de Vilar de Barrio desaparecido

Suspéndese ata o luns a busca do veciño de Vilar de Barrio desaparecido

Segue sen dar froitos a busca de Delfín Sorga Arcos, o veciño de Vilar de Barrio que faltou da súa casa onte á mañá.

Preto de duascentas persoas peitearon sen éxito, durante todo o día, os montes dos arredores.

Delfín ten 81 anos e padece alzhéimer.

Xente buscando nos arredores de Porto
G24.gal 06/11/2022 20:03 Última actualización 06/11/2022 20:13

Contra as sete da tarde, noite xa, suspendíase o operativo de busca que durante todo día mobilizou ao redor de duascentas persoas en Vilar de Barrio. Buscan a Delfín na contorna de Porto, onde vive coa súa muller.

Manuel Conde Gómez, alcalde de Vilar de Barrio e coordinador do operativo: "Unha liña de xente, cunha distancia visual de metro e medio, dous metros, palmo a palmo. En condicións normais non se movía moito, por iso confiamos en que está cerca. Pero xa miramos unha e outra vez".

Delfín viste un forro polar de cor verde e pantalón escuro. Ten alzhéimer e suponse que se desorientou. O punto de coordinación do operativo situouse no lugar onde unha veciña o viu por última vez.

"Faloulle e el só lle contestou coa man. A señora non sabía que estaba enfermo, e el seguiu por aí arriba", explica un veciño que participa no operativo.

Están revisando unha superficie dunhas 200 hectáreas, divididos en grupos. Percorren leiras e camiños, as casas da aldea e o monte, a serra de San Mamede, coa colaboración dos axentes ambientais. "Anda moitísima xente, pero hai zonas complicadas porque hai moito bosque". "Somos veciños, un núcleo pequeno, e hai que axudar no que poidamos", comentan dous veciños.

O luns, ás nove, retoman a busca, contra o reloxo porque xa vai para dous días que Delfín leva desaparecido.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade