Publicador de contidos
Publicador de contidos

Esta é a letra pequena do plan anticrise do Goberno

Esta é a letra pequena do plan anticrise do Goberno

O cheque de 200 euros poderase solicitar desde o 15 de febreiro ata o 31 de marzo de 2023

O desconto ao combustible para profesionais será de 20 céntimos ata marzo e de 10 céntimos desde abril

A eliminación do IVE dos alimentos básicos desaparecería en maio se a inflación interanual  subxacente é inferior ao 5,5 %

G24.gal 28/12/2022 09:26 Última actualización 28/12/2022 21:41

O Consello de Ministros aprobou este martes o terceiro paquete de axudas para paliar as consecuencias económicas e sociais, que entrará en vigor este próximo domingo 1 de xaneiro e que terá un impacto de 10.000 millóns de euros.

Este terceiro paquete de medidas inclúe novidades como conxelar durante seis meses o prezo dos alugueiros cando se teñan que renovar contratos ou un cheque 200 euros para familias con rendas inferiores a 27.000 euros anuais e cun patrimonio non superior a 75.000 euros.

Axuda de 200 euros para familias con rendas inferiores a 27.000 euros

As familias con rendas anuais inferiores a 27.000 euros e un patrimonio inferior a 75.000 recibirán unha axuda de 200 euros nun pago único. O Goberno estima que recibirán esta axuda unhas 4,2 millóns de familias. Quedan excluídos os pensionistas e os perceptores do ingreso mínimo vital.

O cheque de 200 euros poderase solicitar desde o 15 de febreiro ata o 31 de marzo de 2023.

Rebaixa do 30 % do transporte público urbano e interurbano

O Goberno aplicará unha rebaixa do transporte público urbano e interurbano do 30 % nos territorios en que o Goberno autonómico e municipal o complementen ata o 50 %. A esta medida hai que engadirlle a gratuidade dos abonos de Renfe de proximidades e media distancia durante todo o ano 2023.

Prórroga da rebaixa dos impostos da electricidade e do gas

A rebaixa actual dos impostos de electricidade e gas queda prorrogada seis meses máis, ata o 30 de xuño de 2023. Tamén queda conxelado o prezo máximo da bombona de butano.

Límite á suba do alugueiro

Neste paquete de axudas económicas, o Goberno prorroga a suba máxima do alugueiro ao 2 %, ata o 31 de decembro de 2023. Tamén establece unha prórroga automática durante seis meses dos contratos que rematen antes do 30 de xuño do ano que entra.

Tamén quedan prorrogados por outros seis meses, ata o 30 de xuño de 2023, a  suspensión dos desafiuzamentos para os fogares máis vulnerables.

Durante todo o ano 2023 tamén quedan prohibidos os cortes das subministracións esenciais e extensión do bono social.

Baixada do IVE dos alimentos

Para facer fronte á alza dos prezos dos alimentos, o Goberno decidiu suprimir durante seis meses o IVE do 4 % que se aplica a todos os alimentos de primeira necesidade, entre eles o pan ou o leite, e rebaixou do 10 % ao 5 % o do aceite e a pasta.

Esta medida podería reverter a partir do 1 de maio de 2023 no caso de que a taxa interanual da inflación subxacente de marzo, publicada en abril, sexa inferior ao 5,5 %.

En canto á eliminación do IVE para os alimentos básicos establécese a mesma condición: volverá ao 4 % a partir do 1 de maio de 2023 "no caso de que a taxa interanual da inflación subxacente de marzo, publicada en abril, sexa inferior ao 5,5 %".

- A supresión temporal do IVE aos produtos básicos vaise aplicar ao pan, leite, ovos, queixos, froitas, hortalizas, tubérculos e cereais, sempre que sexan frescos. 

- Baixa o IVE do 10 ao 5 % para o aceite e a pasta.

- Grupo xeral de alimentos gravados co 10 % de IVE: pescado, carne.

- Seguirán co IVE do 21 % o alcol, as bebidas azucradas e tamén o tabaco.

Sancións:

A vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, garantiu que "haberá sancións" para o sector da distribución se non repercute nos seus prezos a rebaixa do IVE en alimentos aprobada este martes polo executivo.

Bonificación do combustible só para o transporte profesional

O Goberno mantén a bonificación do combustible só para o transporte profesional por estrada, agricultores, navieiras e pescadores. Ata marzo este desconto será de 20 céntimos e de abril a xuño baixará a 10 céntimos. 

O desconto de 20 céntimos por litro para o transporte profesional por estrada abonarase ao final de cada mes, xa non se fará nas gasolineiras.

No caso dos agricultores, a axuda directa de ata 20 céntimos por litro executarase mediante a devolución do imposto especial de hidrocarburos.

O Goberno tamén vai dedicar 120 millóns en axudas directas para os pescadores.

Limita ao 4 % a suba das peaxes de 11 autoestradas, entre elas a AP-9

A suba das peaxes en 2023 queda limitado a un 4 % en 11 autoestradas de pago, entre elas a AP-9. O obxectivo é mitigar o aumento das tarifas do 8,838% pola evolución do IPC e o efecto das revisións extraordinarias en tres das autoestradas.

O Goberno Central vai destinar 23,3 millóns para financiar a redución do aumento previsto para o ano que entra.

Ingreso mínimo vital e bono social

Mantense o incremento do 15 % do ingreso mínimo vital e das pensións non contributivas. No mesmo sentido, estenderase durante todo o 2023 o bono social e prohibirase o corte de subministracións esenciais.

As pensións subirán un 8,5 %

O Consello de Ministros vai aprobar a revalorización do 8,5 % das pensións en 2023, de acordo co incremento da inflación.

Axudas á industria

Medidas de apoio á industria gasintensiva. O Goberno vai crear unha nova liña de liquidez do ICO de 500 millóns de euros e investiranse 450 millóns de euros en axudas para o sector da cerámica e outros subsectores.

Amais fará un investimento público de 3.100 millóns a través do novo PERTE de descarbonización industrial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade