Todo preparado en Euskadi para unha xornada electoral que pode ser histórica
Todo preparado en Euskadi para unha xornada electoral que pode ser histórica
Máis de 1.200 policías velarán pola seguridade, a maioría pertencentes á Ertzantza
Os candidatos aproveitan a xornada de reflexión para animar a participar
Todo preparado en Euskadi para a xornada electoral deste domingo. Un millón oitocentos mil vascos están convocados ás urnas nunhas eleccións que poden ser históricas se, como apuntan as enquisas, gaña EH Bildu.
Hai 729 colexios electorais, con case 2.700 urnas, instalados en todo o territorio da comunidade vasca para que poidan votar os cidadáns co dereito a facelo, un millón oitocentos mil. Deles, 75.000 poden estrearse tras chegar á maioría de idade nos últimos catro anos.
O goberno vasco conta cun dispositivo de máis de 12.000 persoas para garantir que non haxa incidentes.
"1.227 axentes velarán pola seguridade da xornada electoral", asegura Josu Erkoreka, vicelehendakari e ministro do interior.
Erkoreka salientou o aumento das solicitudes do voto por correo e do xa emitido polos residentes ausentes, o CERA: un 10 % en ambos os dous casos. Segundo dixo, este domingo vai ser un día importante para Euskadi, algo que repetiron os candidatos durante a xornada de reflexión.
Xornada de reflexión
Os aspirantes do PNV e do PSE, Imanol Pradales e Eneko Andueza, coincidiron nun mercado da localidade biscaíña de Portugalete. O candidato de EH Bildu elixiu un paseo polo monte para descansar.
O cabeza de lista do PP quixo cociñar para as persoas que participaron na súa campaña. A candidata de Elkarrekin Podemos actuou co seu coro nun museo da localidade biscaíña de Durango. E a de Sumar paseou con amigos pola praia de Sopelana.
Os indecisos e a participación serán determinantes. O escrutinio comezará ás oito da tarde e os primeiros datos coñeceranse ás nove da noite.