Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tras escoitar a Puigdemont, o Goberno cre que se "abren vías do diálogo e da política"

Tras escoitar a Puigdemont, o Goberno cre que se "abren vías do diálogo e da política"

A voceira do Goberno cre que a próxima lexislatura ha de ser a da "convivencia e do progreso", e di que o PSOE iniciará formalmente as negociacións para a investidura de Pedro Sánchez cando finalice a de Núñez Feijóo

Sumar asegura que foi Puigdemont o que lles pediu a reunión con Díaz en Bruxelas

Feijóo pídelle a Sánchez que "recapacite" e non ceda ás esixencias do expresidente catalán

A voceira do Goberno, Isabel Rodríguez (Foto e video: TVE)
G24.gal 06/09/2023 11:39 Última actualización 06/09/2023 14:46

A ministra portavoz en funcións Isabel Rodríguez dixo este mércores que "o importante", despois de escoitar a Carles Puigdemont, é que "se abren as vías" do "diálogo" e da "política", que é o que, segundo dixo, "estivo practicando o Goberno durante estes cinco anos con moito éxito".

Rodríguez analizaba así, nunha entrevista en TVE, as esixencias do expresidente catalán Carles Puigdemont para que Junts apoie a investidura do próximo presidente do Goberno, nas que, entre outras cousas, pedía unha lei de amnistía antes de comezar a negociar con Pedro Sánchez.

"O que vimos onte e o que onte viu España enteira era o que esperabamos... Eu creo que o importante é subliñar que se abren as vías do diálogo, as vías da política e, por tanto, isto é unha boa noticia para o conxunto de España", dixo.

Tras afirmar que a próxima lexislatura ha de ser a da "convivencia e do progreso", negou que comezasen as negociacións para a investidura de Sánchez, ao sinalar: "O PSOE está a esperar formalmente que termine a sesión de investidura do candidato do PP Alberto Núñez Feijóo".

"Non lles podo falar hoxe de contactos formais do PSOE porque hoxe o PSOE non está a asistir a un proceso de investidura", engadiu.

Respecto ás posibilidades de decretar unha amnistía, Rodríguez dixo: "Cando chegue o momento, o que o presidente do Goberno vai facer é o que fixo nestes cinco anos: avanzar no marco da convivencia, cunha ferramenta que é o diálogo e cun instrumento que é a Constitución".

En canto ás declaracións de Felipe González, nas que aseguraba que na Constitución non cabe nin a amnistía nin a autodeterminación, dixo: "Co máximo respecto ás opinións do expresidente, pódolles trasladar con rotundidade que Pedro Sánchez o que fixo estes cinco anos é protexer a España constitucional".

Por outra banda, acusou o líder do PP Alberto Núñez Feijóo de tentar "meter o medo no corpo" aos españois ao dicir que vén o lobo, que rompe España e "que os socialistas estamos atados".

"Os socialistas estamos a protexer España e facendo que se cumpra a Constitución en todo o territorio de España", afirmou, para a continuación engadir: "Hoxe a Constitución española cúmprese en toda España, excepto nun lugar, na rúa Xénova", concluíu. 

Tamén Sumar ve vontade por parte de Puigdemont de chegar a un acordo para a investidura. Para Jaume Asens, membro do equipo negociador de Sumar con Junts, se Carles Puigdemont non quixese chegar a acordos "tíñao doado" reclamando, de primeiras, "ou referendo ou referendo", xa que "aí non habería negociación posible".

O dirixente de En Comú Podemo tamén destaca que o líder independentista "non descartou outras vías que poidan lograr o mesmo resultado" que unha lei de amnistía.

E así, Sumar continúa negociando con Junts, con transparencia, din. Aseguran que foi o propio Puigdemont quen pediu a reunión con Yolanda Díaz en Bruxelas.

Os socialistas desmárcanse dese encontro. Para o ministro da Presidencia en funcións, Félix Bolaños, o seu "método" é "diferente", baseado na "discreción" e en explicar aos cidadáns os acordos unha vez de pechen.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade