Tres detidos en Santiago por explotación laboral de estranxeiros
Tres detidos en Santiago por explotación laboral de estranxeiros
Hai unha cuarta persoa arrestada en Guadalaxara e a operación segue aberta
A Policía Nacional dá por desartellada unha rede criminal que captaba sobre todo cidadáns colombianos
Moitas das vítimas eran convencidas facilmente debido á precariedade das súas circunstancias familiares e económicas
Axentes da Policía Nacional desarticularon un grupo organizado que se dedicaba á explotación laboral de cidadáns estranxeiros en empresas de repartición de paquetería. A investigación comezou na comisaría compostelá o pasado mes de agosto, cando a Brigada de Estranxeiría recibiu información sobre unha organización que explotaba laboralmente estranxeiros que empregaban como repartidores de paquetería.
Tras unha ardua investigación puido comprobarse que este grupo organizado captaba cidadáns estranxeiros, no seu maior parte colombianos, a través de redes sociais. O modus operandi consistía en captar as vítimas a través de anuncios en Internet, ofertándolles un emprego en España. Para facer máis atractiva a oferta de emprego e captar con máis facilidade as vítimas, principalmente persoas vulnerables, ofrecíanlles ademais dun soldo digno un aloxamento en España e a promesa de realizar o papelame necesario para regularizar a súa situación no país.
Moitas das vítimas eran captadas facilmente debido á precariedade das súas circunstancias familiares e económicas, vendo nesta oferta unha grande oportunidade de poder axudar ás súas familias. Pero a realidade era outra, unha das vítimas tras a súa chegada a Santiago foi captada pola organización e obrigada a traballar nunha empresa de repartición de paquetería sen ningún tipo de contrato e sendo explotada laboralmente con xornadas laborais abusivas de entre 12 e 15 horas diarias.
A situación agravábase aínda máis, xa que eran penalizados alegando non realizar un determinado número de entregas diarias ou por causar danos nos vehículos utilizados para a repartición, os cales na maioría dos casos eran vehículos antigos e moi danados, o que era empregado pola organización como xustificación para non pagarlles nada. A desesperación e o temor a un empeoramento das súas condicións, unido a unha estancia irregular, fixeron que soportasen durante tempo esa situación de explotación laboral.
A investigación dirixida pola Brigada de Estranxeiría de Santiago e en colaboración coa UCRIF Central foi moi complexa e dirixiuse desde o primeiro momento á identificación das posibles vítimas para a súa protección, así como á identificación de todos os membros da organización, que en ocasións operaban desde o estranxeiro. Finalmente puideron identificar catro persoas, que operaban en todo o territorio nacional e que se dedicaban á explotación laboral de cidadáns estranxeiros que debido á situación de vulnerabilidade na que atopaban no seu país e ante a promesa de traballos ben remunerados, eran acollidos en España por parte de membros da organización para posteriormente ser trasladados a diferentes localidades da xeografía española, onde acababan traballando en precarias condicións e con falsas promesas de regularización.
A operación policial permitiu ata o momento a identificación de 18 vítimas e a detención de catro persoas, 3 delas en Santiago e 1 en Guadalaxara, aos que se lles imputan delitos contra os dereitos dos traballadores, favorecemento á inmigración ilegal e pertenza a grupo organizado. Ademais das detencións realizáronse inspeccións conxuntas con Inspección de Traballo en dúas naves de almacén e repartición de paquetería, unha en Santiago e outra en Ourense. Os tres detidos en Santiago foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución nº3 desta cidade, decretando o seu Titular o seu ingreso en prisión. A operación non se dá por finalizada, continuando coas investigacións para a localización de máis vítimas e doutras persoas que puidesen estar implicadas nestes feitos.
Esta operación está enmarcada dentro do Plan de Loita da Policía Nacional contra o tráfico de seres humanos con fins de explotación laboral. A Policía Nacional pon á disposición dos cidadáns a liña telefónica 900 10 50 90 así como un correo electrónico trata@policia.es, para facilitar a colaboración cidadá, de carácter anónimo e confidencial, ante estas condutas delituosas.