Trump, a un día de declarar no xulgado
Trump, a un día de declarar no xulgado
O expresidente estadounidense Donald Trump viaxa este luns a Nova York para declarar mañá ante o xuíz de Manhattan
O expresidente estadounidense Donald Trump viaxa este luns a Nova York, onde pernoitará na Torre Trump, da súa propiedade, antes de comparecer mañá martes ante o xuíz de Manhattan que lle comunicará os cargos aos que se enfronta polo caso Stormy Daniels, polo presunto pago dun suborno á actriz porno Stephanie Clifford, coñecida como Stormy Daniels.
O Departamento da Policía de Nova York (NYPD) afirmou este domingo que os seus axentes están "preparados para responder as protestas" previstas pola comparecencia do expresidente.
Asegura que neste momento está a ter "tanto apoio e amor" como antes nunca tivera. E é que toda esta inédita situación, Trump é o primeiro expresidente estadounidense en ser imputado, conseguiu axitar e tensionar a situación política en país.
De feito, foi o propio Trump o que durante días estivo a anunciar o seu inminente arresto, advertindo aos seus seguidores de que isto non era outra cousa que unha "caza de bruxas". Esa mesma foi a mensaxe que deu tras facerse pública a imputación.
Na súa rede Truth Social, Trump asegura agora que o apoio que di estar a recibir é, en realidade, "contra os radicais de esquerda, revoltosos, extorsionadores, políticos lerchos e matóns que están a esnaquizar o noso país".
E neste contexto é como lanzou unha campaña para recadar fondos para a campaña electoral coa que buscará ser reelixido presidente dos Estados Unidos.