Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trump promete man dura en inmigración e política comercial dende o primeiro día

Trump promete man dura en inmigración e política comercial dende o primeiro día

Tentará acabar co dereito á cidadanía por nacemento e deportar todas as persoas que estean nos EUA de xeito ilegal

Anunciou o aumento dos aranceis para O Canadá e México, os dous principais socios comerciais do país

Contempla a posibilidade de abandonar a OTAN se os países membros non "pagan as súas facturas"

Donald Trump en París este sábado. REUTERS/Piroschka van de Wouw Donald Trump en París este sábado. REUTERS/Piroschka van de Wouw
G24.gal 08/12/2024 18:55

O presidente electo dos Estados Unidos, Donald Trump, prometeu este domingo, na súa primeira entrevista tras gañar as eleccións, man dura en temas de inmigración e política comercial desde o primeiro día que poña o pé na Casa Branca, en xaneiro de 2025.

Segundo lle dixo á xornalista Kristen Welker no programa Meet the Press, que foi pregravado e difundiuse este domingo, tentará acabar co dereito á cidadanía por nacemento, aínda que para iso tería que cambiar unha das emendas da Constitución.

O magnate sinalou que, durante o seu primeiro mandato na Casa Branca (2017-2021), quixo poñer fin a este dereito mediante unha orde executiva, pero a chegada da pandemia modificou os seus plans.

Deportacións masivas, menos para os 'dreamers'

Tamén mostrou man firme co seu plan de deportar a todas as persoas que están nos EUA de xeito ilegal, malia ser "un asunto difícil".

"É algo difícil de facer, pero hai que ter regras, normas, leis. Entraron ilegalmente", dixo o republicano, que durante toda a súa campaña repetiu unha mensaxe similar.

Con todo, Trump mostrouse máis benevolente cos 'dreamers', beneficiarios na súa maioría latinos do programa de Acción Diferida para os Chegados na Infancia (DACA) aos Estados Unidos, ao dicir que poden quedar no país.

Neste sentido, dixo que o seu "plan" é traballar cos demócratas para facer que isto sexa posible, pero non deu máis detalles.

"Algúns deles xa non son novos. E en moitos casos, tiveron éxito. Teñen bos traballos. Nalgúns casos teñen pequenas empresas. Noutros casos, poden ter grandes empresas. E imos ter que facer algo con eles", agregou o magnate.

Aumento dos aranceis "de xeito apropiado"

Trump asegurou que o seu país está subsidiando a México e O Canadá coa política comercial actual e asegurou que o aumento dos aranceis "de maneira apropiada" mellorará a economía, pero non puido garantir que non terá un impacto nas familias estadounidenses.

"Son un gran crente nos aranceis", asegurou, pero matizou que "deben usarse de xeito apropiado". Así e todo, amosouse convencido de que aumentar estes gravames a México e Canadá, os dous principais socios comerciais dos EUA, fará "rico" ao seu país.

"Non podo garantir nada. Non podo garantir o mañá. Pero o que podo dicir é que se miras a miña economía antes da covid (os tres primeiros anos do seu primeiro mandato), tiñamos a mellor economía da historia do noso país. E tiñamos moitos aranceis con diferentes países, pero en particular coa China. Levamos centos de miles de millóns de dólares e non tiñamos inflación", asegurou.

Os EUA poderían abandonar a OTAN

O presidente electo tamén dixo que consideraría a posibilidade de que os Estados Unidos abandonasen a OTAN se os países membros non "pagan as súas facturas".

"Se están a pagar as súas contas, e se creo que nos están tratando de maneira xusta, a resposta é: absolutamente, quedaría coa OTAN", dixo na entrevista televisiva, pero advertiu que do contrario consideraría que o seu país se retire.

A OTAN, creada despois da Segunda Guerra Mundial e durante a Guerra Fría, comprometeuse no 2014 a que os seus membros gasten polo menos o 2 % do PIB en defensa, algo que Trump premeu para que se logre, malia considerar o 4 % a porcentaxe ideal.

Indultos pola toma do Capitolio

Trump tamén dixo que "moi probablemente" o seu primeiro día no Despacho Oval indultará  algunhas das persoas que participaron no asalto do Capitolio, o 6 de xaneiro de 2021, e que, segundo el, están "a vivir un inferno" no cárcere.

Agora hai unhas 250 persoas detidas. Con todo, Trump dixo que "pode haber algunhas excepcións" aos seus indultos "se alguén foi un radical, tolo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade