Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ucraína celebra a explosión na ponte de Crimea pero non di se está detrás

Ucraína celebra a explosión na ponte de Crimea pero non di se está detrás

O servizo de Correos de Ucraína vai sacar un selo coa ponte en chamas

Boa parte da poboación asegura non ter medo ás represalias rusas

G24.gal 08/10/2022 20:51 Última actualización 08/10/2022 21:10

A ponte de Crimea era un dos símbolos do poder ruso nesta península do sur de Ucraína, xunto ao buque Moskvá, afundido en abril. Kíiv ameazou varias veces con destruíla.

Este sábado non di se está ou non detrás da explosión que estragou parte da infraestrutura, pero celébrao, como moita poboación ucraína.

A voceira do comité de investigación aberto por Rusia explicou que o están a tratar como un caso penal. As autoridades de Crimea apuntan ao vandalismo ucraíno e en Moscova algúns lexisladores sinalan os servizos secretos de Kíiv e piden unha resposta contundente.

O Kremlin sempre dixo que un ataque contra Crimea non quedaría sen resposta. Polo momento, e logo de sufrir varios reveses, o Exército ruso anunciou que cambia o xefe ao mando das tropas en Ucraína.

Foxas comúns

Aínda que Ucraína avanza na contraofensiva no leste e no sur, non deixa de sumar vítimas civís.  Na cidade de Limán, que recuperou hai unha semana, denunciou a aparición de dúas foxas comúns.

Unha con arredor de 200 civís, entre eles familias enteiras e nenos menores de tres anos, e outra cun número aínda non determinado de civís e militares.

Os mortos polos ataques do xoves a vivendas de Zaporijia tamén ascenderon a 17 e subiron a 32 os finados no bombardeo do convoi civil da semana pasada na mesma provincia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade