U. D. Ourense e Arousa S. C. empatan nos últimos dez minutos
U. D. Ourense e Arousa S. C. empatan nos últimos dez minutos
Os goles de Pacheco e Santi Gegunde ao final do partido deixan aberto o partido de volta
O primeiro partido entre a U. D. Ourense e o Arosa S. C. disputábase nun Couto que viviría un encontro con ata catro goles.
A primeira metade comezaría cos dous equipos tentando achegarse sen descoidar a defensa, e sería a máis clara a que remataría en gol. Os locais, que tiveran un chisco máis de iniciativa, conseguiron filtrar un balón raso nunha falta lateral en que apareceu Lucas Puime para envialo ao fondo da rede. O gol caía un minuto antes do tempo de lecer e provocou un cambio de guión no seguinte tempo.
Á volta de vestiarios o resultado xa non lles valía aos dous, polo que foi necesario axitar o partido. En primeiro lugar golpeou quen tiña vantaxe, a U. D. Ourense. Outro balón parado era agora tocado por Jesús Ares para poñer o dous a cero no marcador. O Arousa deixaría a precisión para os intres finais, pois sería a falta de dez minutos cando Pacheco abría a conta dos visitantes tamén a balón parado. Tan só tres minutos despois, cando os locais aínda estaban a procesar o primeiro gol, outro balón parado nesta ocasión empurrado por Santi Gegunde acabou na rede da U. D. Ourense e asinaba un empate que xa non se movería máis.
Resultado moi aberto para a semana que vén, cando se decidirá quen pasa á seguinte rolda.