Un agricultor de Petín utiliza bois para labrar a terra
Un agricultor de Petín utiliza bois para labrar a terra
Todos eles pertencen a razas autóctonas en perigo de extinción en España e Portugal
Lindo e Gallardo son dous bois de raza alistana-sanabresa. Teñen once anos e pesan 1.400 quilos. Mario ara con eles a terra en que vai botar millo e cebada. Sabe que este xeito de traballar non é o habitual, pero razóns, di, non lle faltan.
"Traballar a terra con animais ten outras vantaxes, como menos degradación da terra, non sacas as capas máis fondas, non pisas a terra coas rodas do tractor, e para a terra é moito máis beneficioso", explica Mario Nogueira.
Mario compra e vende bois e acode con eles a romarías e feiras de media España. Pero aquí, na súa casa de Petín, ten unha vintena que non vende. Todos eles pertencen a razas autóctonas en perigo de extinción en España e Portugal. Di que traballar con estes animais é para el unha satisfacción e un xeito de reivindicar as tradicións.
"Para min é unha reivindicación e un orgullo volver facer o que se facía antes cos bois. Para facer os traballos de casa é unha satisfacción, un orgullo, e quita o estrés tamén."
Di que nestes tempos de tractores e maquinaria fai isto sobre todo para que a xente vexa como era antes a vida no campo. E tamén que aquí está para compartir coñecementos con todo aquel que teña ganas de aprender.