Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Alvia entre Barcelona e Galicia con 162 pasaxeiros descarrila sen feridos nas proximidades de Monforte

O Alvia entre Barcelona e Galicia con 162 pasaxeiros descarrila sen feridos nas proximidades de Monforte

O accidente produciuse a causa dun desprendemento de terra que alcanzou a vía

Polo de agora, o tráfico nesa vía permanece interrompido

O corte afectoulles este sábado a dous trens, un Alvia de Vigo a Barcelona e un rexional de Ponferrada a Ourense

G24.gal 26/08/2022 22:45 Última actualización 27/08/2022 12:28

Descansan xa nos seus fogares os 162 pasaxeiros do Alvia 622, que a primeira hora desta noite sufriu o descarrilamento dun dos eixes no sur da provincia de Lugo, entre a estación de San Clodio de Quiroga e Freixeiro.

O sinistro debeuse a un desprendemento de terra e pedras nun lugar de acceso difícil, onde a vía pasa a carón do río Lor. Ningún dos viaxeiros resultou ferido. Todos foron transbordados a outro convoi que os levou ata Monforte, e dende alí, en bus ou tren, aos seus lugares de destino.

O convoi saíra da estación de Sants, en Barcelona, e dirixíase á estación de Guixar, en Vigo. A bordo ían 162 pasaxeiros con destino a Monforte, Ourense, Vigo, Santiago e A Coruña, que continuaron viaxe por estrada.

Este sábado os pasaxeiros de dous trens que circulan por esa vía tiveron que viaxar en autobús. Así, os clientes do Alvia de Vigo-Guixar que saíu ás 07:42 foron trasladados por estrada ata Ponferrada para continuar desde alí a viaxe en tren. Os que ían no rexional que saíu de Ponferrada ás 6:15 con destino Ourense tamén fixeron parte do traxecto en autocar.

Xa pola noite o accidente obrigou a cancelar outro convoi, un media distancia do traxecto Ourense-A Coruña. Os pasaxeiros foron trasladados noutro tren.

Renfe informa por medio de todas as súas canles de comunicación e atención ao cliente da situación do tráfico ferroviario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade