Un avión privado que engalara de Xerez da Fronteira estrélase en Letonia
Un avión privado que engalara de Xerez da Fronteira estrélase en Letonia
A aeronave describiu un percorrido errático pouco antes da súa caída
Os catro ocupantes do jet eran alemáns, tres deles membros dunha mesma familia con residencia temporal en Zahara de los Atunes (Cádiz)
Un avión privado que engalou pouco antes das tres da tarde do aeroporto de Xerez da Fronteira estrelouse esta noite fronte ás costas de Letonia, anunciaron os servizos de rescate de Suecia, despois de que dous aparellos militares realizaran o seu seguimento durante parte da súa traxectoria errática.
Os catro ocupantes do aparello son de nacionalidade alemá, tres deles membros dunha mesma familia con residencia temporal na localidade gaditana de Zahara de los Atunes.
A aeronave, unha Cessna 551 de bandeira austríaca, engalou sen que constase o seu destino, conforme a web de seguimento de voos Flight Radar 24, que deixou de recibir información do aparello cando estaba a 2.100 pés de altura, uns 640 metros.
O avión cambiou dúas veces de rumbo, primeiro sobre París e logo sobre Colonia, en Alemaña, antes de dirixirse en liña recta cara ao mar Báltico e pasar nas proximidades da illa de Gotland en Suecia.
A web de rastrexo sinalou que contra as sete e media da tarde perdía velocidade e altitude. "Temos constancia de que se estrelou no mar ao noroeste de Ventspils, en Letonia", asegurou un voceiro do servizo de rescate sueco. "Desapareceu do radar", engadiu.
Con anterioridade, dous avións militares, un alemán e outro dinamarqués aproximáranse ao aparello para inspeccionalo, pero non lograron establecer contacto coa tripulación. Os pilotos militares non viron tampouco ningunha persoa na cabina.
Á zona do impacto desprazouse un helicóptero das forzas aéreas de Lituania, ademais de varios barcos da Mariña letoa na busca dos restos.
Un barco de pasaxeiros que estaba nas proximidades tamén se aproximou ao lugar do accidente para colaborar no rescate.
A Cessna voou case cinco horas antes do choque e perdeu en poucos minutos 5.000 metros de altitude. A cabina pode levar ata dez pasaxeiros, pero o deseño estándar é de só seis, con espazo para dous membros da tripulación.