En terra os once tripulantes do arrestreiro galego afundido no Gran Sol
En terra os once tripulantes do arrestreiro galego afundido no Gran Sol
Outro barco galego trasladounos cara ao porto irlandés de Castletownbere
Parte dos mariñeiros son galegos e tamén hai marroquís e ghaneses
O naufraxio do Piedras rexistrouse a unhas 64 millas da costa irlandesa. Unha vía de auga obrigou a evacuar a embarcación sobre as dez da mañá e pouco despois producíase un incendio nos motores.
Outros barcos que traballaban na zona acudiron ao rescate dos once tripulantes. Embarcaron no buque galego Armavén 1, encargado de trasladalos a terra, ao porto irlandés de Castletownbere, a onde chegarán contra as dez da noite.
Toda a tripulación está a salvo. Son 11 mariñeiros, galegos, marroquís e ghaneses. Regresarán a Galicia tan pronto se cumpran con todos os trámites preceptivos despois dun naufraxio.
Nun primeiro momento, nove dos mariñeiros foron rescatados e quedaron a bordo o patrón e o xefe de máquinas para tratar de salvar o barco, pero este escorou demasiado e, ante a imposibilidade de taponar a vía de auga, ambos foron tamén evacuados.
O servizo de Gardacostas de Irlanda afirmaba contra o mediodía que o barco aínda non se afundira do todo, pero que perdera o motor e estaba en chamas, polo que era cuestión de tempo. Finalmente confirmouse o afundimento do pesqueiro ás 16:25, tras pasar catro horas escorado e ardendo.
Valentia Coastguard coordinated an air and sea rescue off Cork coast this morning after 11 fishermen abandoned their vessel when it caught fire. It has now sunk, crew en route to Castletownbere, @IrishCoastGuard @rtenews pic.twitter.com/XKzUAesqEo
— Dyane Connor (@Dyaneconnor) June 1, 2022
A partida do Piedras de Galicia producírase o 16 de maio, do porto de Marín, onde tiña a súa base. O barco tiña 36 metros de eslora e unha antigüidade de 46 anos. Traballaba con bandeira inglesa pero tiña base en Marín e pertencía á Cooperativa de Armadores de Vigo.
A armadora Noray Pesca xa iniciou os trámites xunto coas autoridades irlandesas para que os mariñeiros poidan regresar canto antes. Contra as 22:00 horas deste mércores chegaron á localidade de Castletownbere.
Este naufraxio no Gran Sol prodúcese só tres meses despois do afundimento do Villa de Pitanxo en augas de Terra Nova, no Canadá, onde faleceron 21 tripulantes, e só tres puideron salvar a vida. Precisamente un dos superviventes Samuel Kouffie, foi tripulante do barco afundido este mércores.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirma que a administración galega está en contacto coa armadora e a Autoridade Portuaria de Marín para facer seguimento deste novo accidente no mar.
"Afortunadamente o desenlace non foi como o do último naufraxio coñecido doutro barco tamén de Marín", dixo Alfonso Rueda, quen explicou que "non se saben as causas aínda, pero o máis importante é que a tripulación está toda ben e rumbo a terra".