Un buque do CSIC dispón dos medios necesarios para chegar ao Villa de Pitanxo
Un buque do CSIC dispón dos medios necesarios para chegar ao Villa de Pitanxo
O oceanográfico Sarmiento de Gamboa dispón dun robot que pode baixar ata 6.000 metros de profundidade
Un informe técnico solicitado polas familias sinálao como a mellor opción para localizar e inspeccionar o arrastreiro afundido en Terranova
O principal buque oceanográfico do Consello Superior de Investigacións Científicas, o Sarmiento de Gamboa, podería ser clave no esclarecemento do naufraxio do Villa de Pitanxo. Iso é o que mantén un informe técnico realizado por unha consultoría marítima asturiana a petición das familias dos falecidos.
A clave estaría en que este buque leva a bordo robots que poden baixar a profundidades moi superiores ás que estaría afundido o arrastreiro, tal como recoñece o propio CSIC, que xa verificou o ademais o seu alcance:
"O Sarmiento de Gamboa é o primeiro buque oceanográfico español que pode traballar con ROV (vehículo operado por control remoto) de altas profundidades e con AUV (vehículo autónomo submariño)".
"O vehículo ROV chega ata os 6.000 metros de profundidade e está preparado para recoller e transportar mostras dos fondos mariños."
Os técnicos do Sarmiento de Gamboa presentaban algunhas destas incorporacións tecnolóxicas nunha estancia en Vigo, o seu porto base, no verán de 2019. En vista de que estes recursos xa existen e son de propiedade pública, o informe técnico solicitado polas familias recalca que localizar e inspeccionar o Villa de Pitanxo nos fondos mariños de Terra Nova non requiriría ningún despregamento excepcional de medios.
Polo momento, os familiares non van divulgar a totalidade do informe técnico, porque a súa finalidade é achegalo como un aval máis na iniciativa xudicial que manteñen para tentar que se esclarezan as causas do naufraxio.