Un carteirista trae de cabeza a hostaleiros e clientes da praza ferrolá de Amboaxe
Un carteirista trae de cabeza a hostaleiros e clientes da praza ferrolá de Amboaxe
Aproveita os descoidos dos clientes para roubalos
Os hostaleiros piden máis presenza policial na zona
Tomar un café tranquilamente nalgunha das terrazas da praza de Amboaxe en Ferrol é misión imposible. Os hostaleiros e os clientes teñen que estar en alerta continuamente por culpa dun carteirista. Onte mesmo rouboulle a unha muller de oitenta e seis anos que estaba tomando algo nunha destas mesas.
Lucía Bruquetas foi testemuña do roubo. Di que o presunto ladrón aproveitou que a muller estaba pagando para collerlle a carteira da mesa. Contou que varias persoas que estaban na mesa do lado saíron tras el e conseguiron reducilo e recuperar a carteira.
Vicente Boado tamén viu toda a secuencia dende outra terraza. Di que lle impactou ver como a xente saía tras el e conseguía reducilo. Apunta que minutos antes o presunto ladrón pediulles cartos a el e aos seus amigos.
O Piollo que así é como se chama o presunto ladrón, actúa sempre nesta zona. Dedícase a espreitar por estas terrazas e aproveita os descoidos dos clientes para roubalos. Os propietarios das cafetarías que hai pola zona están fartos, e din que cada semana comete entre dous e tres roubos.
Silvia Vilela ten unha cafetaría na praza de Amboaxe. Di que en canto a xente vai pagar aparece e róuballes os cartos, os móbiles, os bolsos ou que encontre. Di que incluso lles roubou o datáfono. Silva di que sempre está pola zona pedindo pero cando non lle dan cartos dedícase a roubar.
O Piollo é un vello coñecido da policía, pero, como os roubos que comete nunca superan os 400 euros, só se castigan cunha multa e queda en liberade ás poucas horas. Os hostaleiros piden máis presenza policial na zona para disuadir este delincuente habitual.