Un coro de 1.600 escolares interpreta 'Apaga o candil' para lembrar a quen a fixo popular
Un coro de 1.600 escolares interpreta 'Apaga o candil' para lembrar a quen a fixo popular
En unha das actividades do Ano do Xestal, promovido polo concello de Carballo
Carlos Díaz, O Xestal, foi contacontos e cantante e recuperou moitas tonadas tradicionais
A popularidade de Apaga o candil multiplicouse cando artistas famosos a cantaron no Luar da TVG
Escolares de todos os colexios de Carballo cantaban xuntos na praza do concello Apaga o candil para poñer o broche final dunha actividade coa que descubriron a vida e a obra de Carlos Díaz, o Xestal, un dos seus conveciños máis populares, pero ensombrecido ata certo punto polo seu propio legado.
A actividade enmárcase no Ano do Xestal promovido polo concello da capital de Bergantiños para honrar a súa figura cando se cumpren 30 anos da súa morte e 90 do seu nacemento.
O Xestal foi un contacontos e cantante que se fixo popular a mediados do século pasado, interpretando temas populares que el mesmo recollía, entre eles a popular cantiga que cantou por primeira vez no Luar da Televisión de Galicia en 1992, dous meses antes da súa morte.
Xosé Ramón Gayoso e Xurxo Souto lembraron como se chegou a aquela primeira interpretación e como logo a escolleron para pechar o programa durante anos coa participación de todos os artistas que pasaron polo Luar.
Iso fixo que se convertese nun himno popular. Pero o legado do Xestal vai moito máis aló de Apaga o candil. Entre as moitas pezas que recuperou está a Marcha do Antigo Reino de Galicia, remarca Cristina Abelleira, a responsable de Comunicación do Concello de Carballo.