Un crego do Carballiño, investigado por agredir sexualmente as súas sobriñas
Un crego do Carballiño, investigado por agredir sexualmente as súas sobriñas
O xuíz prohibibiulle achegarse ás denunciantes, comunicarse con elas, saír do territorio nacional, retiroulle o pasaporte e terá que comparecer cada 15 días
O bispado apártao cautelarmente das parroquias que tiña encomendadas e doutras funcións
Un cura da zona do Carballiño non poderá aproximarse a máis de 500 metros de onde se atopen as súas sobriñas, fillas do seu irmán. As dúas puxeron denuncias independentes contra párroco por presuntas agresións sexuais de xeito continuado.
A medida cautelar ditouna o Xulgado de Instrución número 1, onde declarou o crego o día 11 pola mañá, cuberto por unha máscara e en compañía dun avogado, en calidade de investigado por delitos de agresión sexual.
Unha das supostas damnificadas xa presentara denuncia o 26 de novembro de 2019 e tres días despois fixouse idéntica protección á espera de xuízo.
Naquel entón, esta muller soamente falaba de abusos, para os que existía un prazo de prescrición de dez anos despois de que a presunta vítima alcanzase a maioría de idade.
Cando deu aquel paso en solitario transcorrera unha década, un mes e un día desde os seus 18, de xeito que o caso quedou arquivado. Despois tamén soubo que lle pasara o mesmo a súa irmá pequena.
Con todo, a prescrición para os delitos de agresións sexuais é de 15 anos, segundo o Código penal da época, polo que deben rexerse.
O relixioso sinalado, natural de Vista Fermosa, na cidade ourensá, foi ordenado en 1995 é secretario da Vigairía de Pastoral e foi capelán do colexio Divino Mestre.
O bispado apártao de todas as súas funcións
Despois de coñecerse a noticia, o bispado de Ourense apartou o sacerdote das parroquias que tiña asignadas e de todas as tarefas das que se ocupaba.
A Diocese emitiu un breve comunicado na tarde deste luns no que indica que, de acordo cos protocolos vixentes da Santa Sé e a Confederación Episcopal Española, adóptase tal decisión, ao estar o presbítero "incurso" en tales dilixencias xudiciais.
"Por respecto ás actuacións xudiciais en curso, á intimidade das vítimas e á presunción de inocencia do investigado a Diocese de Ourense, que manifesta a súa total dispoñibilidade a colaborar coa Administración da Xustiza, non realizará ningunha manifestación adicional a este comunicado ata que finalice o procedemento xudicial", engade a nota.