Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un desprendemento de terra causou danos nas viñas en Chantada

Un desprendemento de terra causou danos nas viñas en Chantada

A derruba, provocada por unha fuga de auga, arrasou tamén unha adega e varias pistas

Félix Aragunde 10/11/2022 13:55

Así quedaron unhas viñas que se encontraban na ladeira dun monte na parroquia chantadina de Líncora. Unha fuga nunha presa de auga que abastece unha minicentral hidroeléctrica provocou un desprendemento de terra e de pedras que arrasou todo ao seu paso.

Ademais dos socalcos, a derruba varreu unha adega e un camiño, e mais sepultou unha pista que xa foi despexada.

José Antonio Vázquez Figueiras, viticultor afectado: "Houbo unha fuga dunha presa. Baixou a auga por aquí e desfixo todo. Colleu varias viñas, dúas pistas e outros terreos que hai á beira do río. E unha adega que había aquí varreuna toda para abaixo".

Esta é xa a terceira vez en 18 anos que se rexistra un desprendemento de terras no lugar debido a unha fuga da mesma presa. Os afectados reclaman, por tanto, que realicen as obras necesarias para evitar que se produza unha nova derruba.

José Antonio Vázquez Figueiras, viticultor afectado: "Da anterior vez fora similar, pero afectara máis os montes. Había que reparar ben iso, pero din que a presa está no aire. Agora volver rebentar por meterlle moita auga. Botou por riba e furou para abaixo para as terras".

Á espera de que as perdas económicas sexan avaliadas, os donos das viñas están agora pendentes de ser indemnizados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade