Un enterro simbólico dos recursos pesqueiros en protesta contra a mina de San Fins en Lousame
Un enterro simbólico dos recursos pesqueiros en protesta contra a mina de San Fins en Lousame
A plataforma de afectados cualifica de potencialmente catastrófico o impacto das verteduras no sector do mar
Recibiron simbólica sepultura os recursos pesqueiros: desde o "pater berberechus", ata a "mater ameixa fina", pasando polo "pater longueirón"
A plataforma de afectados pola mina de San Fins, no concello de Lousame, e representantes de varias confrarías mobilizáronse este sábado para denunciar as consecuencias desta explotación para o sector marisqueiro, para os pescadores, os veciños e para a propia ría de Muros e Noia.
Contra as verteduras da mina de San Fins, en Lousame. Mariscadores e veciños cualifican de potencialmente catastrófico o impacto no sector do mar.
Os convocantes pediron que a Xunta revogue o permiso de verteduras concedido á empresa australiana a principios de ano e alertaron da insolvencia da concesionaria para facer fronte a posibles danos por metais pesados nos bancos marisqueiros da zona no transcurso do baleirado da mina de volframio.
Nun ambiente reinvindicativo e de protesta, os asistentes celebraron un enterro simbólico de produtos da ría diante da mina mentres advertían do impacto potencialmente catastrófico desta explotación, salientaron, para o sector do mar.
Recibiron simbólica sepultura os recursos pesqueiros: desde o "pater berberechus", ata a "mater ameixa fina", pasando polo "pater longueirón".
A todos eles entoóuselles un "adeus, por sempre", nunha longa ladaíña á que asistiron unhas duascentas persoas, convocadas pola Plataforma comarcal contra as verteduras da mina, que ameazan a ría de Muros e Noia.
A Xunta insiste en que cumpre cos requisitos
Dende a Xunta insisten en que a autorización de verteduras cumpre con todos os requisitos e que se está tramitando "como calquera outra esixindo as máximas garantía".
Augas de Galicia di que a empresa non lles dixo que non poida facer as obras e que tras solicitarlle unha ampliación de prazo, concedéronselle dous meses para acometelas. Unha ampliación que segundo a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez remata o 12 de agosto.
"A nós non nos trasladan que non vaian facer as actuacións nin que teñan dificultades económicas. Iso non llo trasladaron á Administración, tampouco teñen que facelo. É un procedemento regrado. Nós estamos tramitando esta autorización de verteduras como calquera outra esixindo as máximas garantías. Pedíronnos unha ampliación de prazo e démoslles unha ampliación de dous meses".