Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un estudo encargado polo BNG estima en 904,7 millóns o custo do rescate da AP-9

Un estudo encargado polo BNG estima en 904,7 millóns o custo do rescate da AP-9

O informe, elaborado pola Universidade da Coruña, sostén que Audasa non tería dereito a ser indemnizada ao considerar "ilegal" a prórroga da concesión autorizada por Aznar 

A cifra está “moi lonxe” do prezo do rescate calculado tanto pola Xunta como polo Goberno central 

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, canda os autores do estudo, os profesores Carlos Aymerich e José Antonio Blanco
G24.gal 27/09/2024 12:38 Última actualización 27/09/2024 13:16

Un estudo da Universidade da Coruña sobre os custos da transferencia e rescate da AP-9, encargado polo BNG, sinala que o importe para pagar polo rescate quedaría en 904,7 millóns de euros.

O informe sostén que a prórroga da concesión autorizada polo Goberno de José María Aznar foi "ilegal", polo que a empresa concesionaria, Audasa, non tería dereito a recibir unha indemnización por lucro cesante. Ademais, o estudo indica que o Goberno pode rescindir de forma inmediata a concesión se actuase “de boa fe para Galicia”.

Segundo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, “a mellor decisión á que podemos ir agora mesmo é ir ao rescate da AP-9” porque 904,7 millóns de euros “é o valor de mercado”, a pesar das “cifras absolutamente infladas” ás que fan referencia os Executivos estatal e autonómico.

Segundo explicou Pontón, o rescate sairía máis barato para as arcas públicas xa que, segundo o informe, o Estado aínda debería pagar 2.844 millóns de “peaxes en sombra” nos anos que restan ata o fin da concesión.

Polo tanto, segundo Pontón, o rescate inmediato é “a opción máis viable e máis económica”.

A cifra achegada polo estudo realizado a pedimento dos nacionalistas está “moi lonxe” do prezo do rescate que reflicte o estudo encargado pola Xunta a unha consultora privada e que elevaba o custo a entre 1.612 e 2.355 millóns de euros.

E tamén está moi lonxe das cifras achegadas polo Goberno central, sen ningún estudo coñecido, que falaba dun custo de entre 4.000 e 6.000 millóns de euros.

O informe do BNG, en detalle

Os autores do estudo, os profesores Carlos Aymerich e José Antonio Blanco, explicaron que as prórrogas que afectaron á AP-9 e ampliaron a concesión ata 2048, cando fixo 75 anos desde a licenza inicial, “son ilegais e van en contra do dereito comunitario”.

Aymerich, profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña e que foi alto cargo do BNG, detallou que esta prórroga supón un “cambio substancial no contrato inicial” polo que debería levarse a cabo unha “nova licitación” á que puidesen concorrer outras empresas.

Ao facer unha prórroga directa, segundo o profesor, esta equivale a unha “adxudicación directa a Audasa”, polo que o contrato debería entrar en fase de liquidación.

En base á doutrina que afecta o ano 2000, no que se asinou a última prórroga, “en caso de anulación dun contrato” a empresa tería dereito a ser “compensada polo valor de mercado que a concesión ten nese momento” pero non cabe, con todo, o dereito “ao lucro cesante”.

En caso de conceder á empresa este “lucro cesante”, a Administración estaría a manter o “beneficio” ao adxudicatario.

Aymerich remarcou que o Goberno tería “dúas vías” para rescatar a infraestrutura, xa que pode esperar a que a Comisión Europea resolva o expediente de infracción a España ao considerar que toda a xestión que se fixo da prórroga da concesión da autoestrada AP-9 vulnerou de maneira clara a normativa europea ao non convocarse un concurso público para a mesma e si aprobarse unha prórroga por 25 anos -ata 2048-.

Con todo, tamén “cabe que o Goberno español actúe de boa fe para Galicia”, unha vez que coñece que a concesión é “ilegal” e que, por tanto, podería facer unha “revisión de oficio”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade