Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pintan un tren en Catoira en referencia ao xuízo do Alvia: "O maquinista non foi"

Pintan un tren en Catoira en referencia ao xuízo do Alvia: "O maquinista non foi"

Sucedeu na estación na tarde do sábado, despois de que alguén accionara a panca de emerxencia

Un grupo de mozos causa un altercado cos vixilantes de seguridade de Renfe para deixar os graffiti no tren

Tren en Catoira coa pintada en referencia ao xuízo do Alvia Tren en Catoira coa pintada en referencia ao xuízo do Alvia
G24.gal 04/12/2022 17:37 Última actualización 04/12/2022 23:25

Un grupo de mozos aproveitou a parada do tren procedente da Coruña na estación de Catoira contra as 17:15 da tarde do sábado para realizar pintadas no tren. Unha persoa non identificada accionou a panca de emerxencia.

A circunstancia mobilizou ao persoal de seguridade de Renfe que localizou no exterior do convoi un grupo de mozos que pretendían co uso de botes de pintura manchar o vagón e deixar uns graffiti.

Os vixilantes enfrontáronse co grupo de persoas que ían coa cara tapada con pasamontañas, gorros e capuchas e utilizaron aerosois para pintar nos vagóns.

Sobre o tren lograron escribir  "Xustiza. O maquinista non foi" en referencia ao accidente do Alvia rexistrado o 24 de xullo de 2013 en Angrois.

Varios dos pasaxeiros increparon aos autores das pintadas que defenderon o que facían como unha reivindicación da inocencia de Francisco José Garzón, maquinista que está a ser xulgado polo accidente do Alvia en Santiago hai nove anos.

O tren puido reiniciar a súa marcha e chegou con demora a Vigo. Renfe informa que esta semana interporá unha denuncia polos actos vandálicos que obrigan a inmobilizar os vagóns afectados, á espera da súa limpeza.

A operadora ferroviaria lembra que este tipo de feitos son frecuentes e causan danos por uns quince millóns de euros anuais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade