Catro afogados en Asturias e Tarragona a causa do temporal no mar
Catro afogados en Asturias e Tarragona a causa do temporal no mar
Un home e unha muller falecen en Asturias arrastrados polas ondas en Pravia e Cudillero
En Tarragona morreu un rapaz de 16 anos que caeu á auga e un home que se tirou para rescatalo
Un home e unha muller faleceron este xoves en San Esteban de Pravia e Cudillero (Asturias) tras caer ao mar e ser arrastrados polas ondas.
Os dous sucesos tiveron lugar cara ás 13:00 horas; o primeiro deles ao final do espigón situado na desembocadura do río Nalón, en San Esteban de Pravia (Muros do Nalón), onde un home que contemplaba a ondada caeu á auga e foi arrastrado polas ondas.
Trátase dun turista de nacionalidade inglesa que se desprazou xunto á súa parella para gozar duns días de vacacións neste concello.
Tras ser alertados os servizos de emerxencia por algunhas testemuñas, o helicóptero do 112 Asturias desprazouse ata a zona para iniciar a procura, que concluíu cara ás 13:48 horas tras a localización do cadáver na ría.
O corpo foi izado desde o helicóptero coa axuda dun bombeiro do equipo de rescate e depositado nunha zona do porto de San Esteban, ata onde se desprazaron tamén equipos de bombeiros, Garda Civil e Cruz Vermella.
A menos de sete quilómetros, no veciño concello de Cudillero, a forte ondada tamén dificultou o rescate dunha muller que ao parecer foi arrastrada por unha onda cando se atopaba paseando polo porto pesqueiro.
A muller, que estaba a ser golpeada contra as rocas, foi rescatada inconsciente por unha barca de pescadores, e aínda que un equipo médico e a UVI móbil de Avilés trataron de reanimala durante máis dunha hora, finalmente só puideron confirmar o seu falecemento.
O mal tempo mantén en alerta laranxa todo o litoral asturiano, en que se esperan este xoves ondas de ata sete metros de altura e forte vento.
Outras dúas persoas faleceron afogadas na praia do Miracle en Tarragona ao non poder saír da auga polo forte temporal no mar. Un rapaz de 16 anos caeu á auga e un turista alemán duns 30 anos, que pasaba pola zona, lanzouse ao seu rescate.
O helicóptero mobilizado logrou rescatar un dos bañistas en estado moi grave, pero falecía pouco despois. Tamén tiveron que ser rescatados da auga dous axentes dos Mossos d'Esquadra que tentaban salvalos.
En Cataluña permanece activada a alerta por forte ondada en Cataluña deixando inundacións leves en localidades coma Cambrils.
Toda a costa cantábrica permanece en alerta laranxa e as autoridades piden extremar a precaución nos portos, paseos marítimos e lugares próximos á costa.