Un home queda ferido grave nun incendio no baixo da súa casa en Cuntis
Un home queda ferido grave nun incendio no baixo da súa casa en Cuntis
A vítima quedou atrapada no sinistro e puxérona a salvo efectivos de Protección Civil
Un incendio rompeu a tranquilidade de Vilabar de Abaixo a tarde do luns. Foi pasadas as sete cando un veciño deste lugar de Cuntis oíu os berros de pedimento de axuda da vítima, acurralada polo fume e o lume no baixo da casa. Pediu a axuda inmediata de Protección Civil, e dous efectivos chegaron en poucos minutos, coa vítima nunha localización difícil para o rescate pola propia configuración do baixo e en pleno incendio.
"Cando chegamos, un fume moi denso negro e unha persoa pedindo auxilio desde o interior. Ao chegar valoramos xa meter un pouco de auga para intentar acceder a el. Na primeira custounos, porque el deixou de falar e non o localizabamos. Despois empezou a berrar e xa conseguimos chegar onda el. Volvemos recuar porque non lograbamos sacalo. Entrou outro compañeiro máis e logramos sacalo. Agardamos os bombeiros para apagar o resto do incendio. Nós démoslle prioridade a sacar o señor do garaxe", explica Miguel Ángel Couto, xefe de Protección Civil de Cuntis.
A vítima, duns 55 anos, sofre queimaduras graves e foi evacuada en helicóptero. Descoñécese que foi o que ocasionou o lume.
"Iso están a investigalo", di Couto e engade que "o garaxe é bastante amplo, aínda que dentro facía un colo de botella, e o que si están mirando é por que non lle deu tempo a saír a el do garaxe. Agardamos que nolo poida dicir el, pero as pescudas lévaas a Garda Civil".