Un incendio arrasa unha nave hortícola en Tomiño e mobiliza bombeiros de Galicia e Portugal
Un incendio arrasa unha nave hortícola en Tomiño e mobiliza bombeiros de Galicia e Portugal
A Xunta activou o Plan Territorial de Emerxencias con efectivos do sur de Pontevedra e do norte de Portugal
A columna de fume era visible a máis de cinco quilómetros de distancia
Un devastador incendio no concello de Tomiño arrasou unha coñecida empresa de produtos hortícolas da localidade e afectou unha zona forestal próxima. A empresa Suministros Hortícolas Bacelo foi pasto das lapas. Mobilizáronse para a súa extinción case todos os bombeiros que están no sur de Pontevedra e no norte de Portugal.
A Xunta chegou a activar o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) sobre as cinco da tarde polo incendio nunha nave industrial en Amorín, Tomiño. As instalacións estaba pechadas no momento en que se produciu o lume. Os empregados xa cumpriran a súa xornada laboral polo que non quedaba ninguén no interior e non houbo que lamentar feridos.
As lapas comezaron nas oficinas que quedaron arrasadas. Tamén alcanzaron unha zona forestal próxima.
O plan de Emerxencias garantiu a coordinación entre os organismos mobilizados para facer fronte a esta situación de risco.
Un bombeiro precisou atención por feridas leves.
Para loitar contra o incendio desprazáronse os Bombeiros do Baixo Miño, Morrazo, Salnés e Ribadumia, e, desde Portugal, os Bombeiros de Camiña, A Guarda, Vilanova da Cerveira e Valença.
Tamén actuaron o GES da Guarda e Mos, medios do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia, a Garda Civil e Protección Civil.
No interior das instalacións había moito material inflamable. A densa columna de fume era visible a máis de cinco quilómetros de distancia e escureceu a zona. Tamén se cortou a circulación nun dos carrís da PO-552 para facilitar os traballo dos equipos desprazados.
Agora investíganse as causas do sinistro. Especialistas da Garda Civil recollen mostras e probas sobre o que puido pasar., A planta baixa da empresa quedou calcinada. Os danos causados polo lume son irreparables o que vai obrigar á empresa a reconstruír as instalacións para poder seguir coa actividade.