Publicador de contidos
Publicador de contidos

O incendio provocado en Maceda xa leva queimadas 150 hectáreas na serra de San Mamede

O incendio provocado en Maceda xa leva queimadas 150 hectáreas na serra de San Mamede

O lume iniciouse pouco antes das nove do serán, en tres focos simultáneos

Estabilizado o incendio de Mourentán, Arbo

Segue baixo control o lume de Ponteareas

O incendio afecta a serra de San Mamede
G24.gal 03/08/2022 14:15 Última actualización 03/08/2022 15:28

Foi unha noite longa en Maceda, coa serra de San Mamede ardendo por varias frontes distintas, e sen posibilidade de intervención dos medios aéreos.

Emilio Aguete, xefe de servizo do GES de Maceda: "O que intentamos foi perimetrar e facer franxas de seguridade para que o lume non pasase".

Estiveron ata as sete da mañá, reforzando as brigadas da Xunta, ata que volveron voar as avionetas e helicópteros de extinción, que teñen un punto de carga de auga nos contrafortes da serra. Tamén subiron algúns veciños, para comprobaren danos. Na zona hai valados para o gando e alvarizas para as abellas. "Estivemos aquí ata as tantas da mañá. Ardeu todo nun momento porque non había por onde meterse. Está todo tan seco...", explica Pablo Formoso, que ten abellas e, finalmente, lograron salvalas.

Intencionado

Os propios veciños colaboraron de noite nos labores de extinción. O lume empezou por riba da aldea de Castro de Escuadro algo antes das nove da tarde e, cando menos, en tres puntos simultáneos.

"Empezou máis ou menos cunha diferenza de 5 minutos dun foco a outro. É sospeitoso, porque xa era entrada a noite", explica Emilio Aguete.

Desde a Consellería do Medio Rural tamén apuntan á intencionalidade e para os veciños hai poucas dúbidas: "Está claro: sen tormenta nin nada... Así, de repente...", afirma Pablo.

Afastado o lume das casas, os labores de extinción concéntranse agora na parte alta da serra.

Desde a Consellería do Medio Rural non dubidan da intencionalidade dos moitos incendios declarados nos últimos días en Galicia e fan un chamamento á colaboración cidadá para dar cos incendiarios.

Estabilizado o incendio de Mourentán, Arbo

A Xunta daba esta noite por estabilizado o incendio que arrasou máis de 400 hectáreas no municipio pontevedrés de Arbo, na parroquia de Mourentán.

Tamén na provincia de Pontevedra, segue baixo control o lume de Ponteareas.

Pasadas as cinco da tarde deste martes tamén se declarou outro incendio forestal no Courel. Comezou na parroquia de San Pedro do Incio e queimou unhas sete hectáreas, segundo a Consellería do Medio Rural.  

Ardeu unha zona limítrofe coa do grande incendio que comezou durante a primeira vaga de calor de xullo e que se dera por extinguido hai só cinco días, tras arrasar 11.000 hectáreas de tres concellos da serra. 

A boa noticia chegou desde Castrelo de Miño e A Cañiza, onde quedaron extinguidos os incendios forestais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade