Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un informe revela que a pandemia reduciu un 4 % máis a renda das mulleres que a dos homes

Un informe revela que a pandemia reduciu un 4 % máis a renda das mulleres que a dos homes

O Consello Económico e Social de España subliña a necesidade de "seguir avanzando desde unha perspectiva de xénero máis a longo prazo"

G24.gal 14/09/2022 16:56

A pandemia reduciu as rendas das mulleres un 4 % máis que as dos homes, segundo recolle o informe 'Mulleres, traballos e coidados: propostas e perspectivas de futuro' elaborado polo Consello Económico e Social de España que se presentou este mércores en Marín.  

O Consello lamenta que as políticas sociais "non puideran impedir que o impacto global da crise fora maior nas mulleres", polo que subliña a necesidade de "seguir avanzando desde unha perspectiva de xénero máis a longo prazo".  

En especial, recalca "a importancia de proseguir fomentando a implantación, desenvolvemento e aplicación efectiva de medidas dirixidas a reducir a brecha salarial e a das pensións para lograr a igualdade efectiva entre mulleres e homes".  

Nun acto celebrado no museo Manuel Torres da localidade pontevedresa, a conselleira do CES Elena Blasco, presidenta da comisión de traballo que redactou o documento, presentou as principais conclusións e propostas do organismo consultivo en presenza de distintos representantes da sociedade civil, do presidente do Consello, Antón Costas, e do presidente do CES-Galicia, Agustín Hernández.  

A presentación foi seguida dun coloquio entre traballadoras de distintos ámbitos do sector do mar e a xornada pechouse cunha intervención da conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Rosa Quintana destaca o papel das traballadoras do mar

Pola súa banda, Quintana destacou o "papel clave" das traballadoras do mar e apostou por "seguir traballando e avanzando no camiño da igualdade entre mulleres e homes nas estruturas económica e social do país".  

As tres cuartas partes dos máis de 3.600 traballadores do marisqueo a pé que hai na actualidade na comunidade son mulleres, segundo apuntou. Do mesmo xeito, a maioría dos postos na área de industria e comercialización de produtos do mar están ocupados por mulleres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade