Un novo incendio no antigo colexio Leus, en Carballo, alerta os veciños
Un novo incendio no antigo colexio Leus, en Carballo, alerta os veciños
Non houbo que lamentar danos persoais e cren que foi unha falcatruada de adolescentes
As instalacións levan pechadas desde hai 20 anos e medra a preocupación polo seu estado de abandono
O estado de abandono dun antigo colexio de Carballo, pechado desde hai anos, preocupa os veciños da localidade coruñesa. Os actos vandálicos, falcatruadas dos mozos e incendios provocados son frecuentes. O último, onte á noite, ao declararse un pequeno lume que atribúen a unha trasnada de adolescentes.
Eran arredor das nove da noite de onte, día festivo en Carballo, cando o servizo de emerxencias foi alertado dun incendio no antigo colexio Leus. "Era con catro madeiras dun moble que había por alí e queimáronas, pero o que pasa é que o colexio está no centro da vila, e un martes de Entroido, e crea un pouco de alarma social", explica Xavier Souto, coordinador de Protección Civil e Emerxencias de Carballo.
Os bombeiros, co apoio de Protección Civil, puideron extinguir as lapas sen dificultade e en menos dunha hora. Con todo, non é a primeira vez que deben acudir a un aviso deste tipo. "Este foi pequeno, pero o anterior, a verdade é que había colchóns do antigo internado, e o lume metía medo", explica Mari Carmen, que vive nunha vivenda ao lado do colexio.
"Son todos intencionados por trasnadas, vandalismo, e temos a sorte que non se produciron ata o de agora danos persoais", puntualiza Xavier Souto.
O colexio Leus, de propiedade privada, está pechado desde hai 20 anos e o estado de abandono preocupa aos veciños. Desta volta todo quedou nun susto, pero piden máis vixilancia e maior seguridade, sobre todo no acceso desde a rúa Grabador Facal, para evitar desgrazas.