Máis de 70 mortos en Kentucky tras o impacto de varios tornados nos Estados Unidos
Máis de 70 mortos en Kentucky tras o impacto de varios tornados nos Estados Unidos
O colapso do teito dunha nave de Amazon pode incrementar o número de vítimas mortais
A vaga de máis de 20 tornados deixa ademais outros dous mortos en Arkansas
Polo menos 70 persoas faleceron despois de que un tornado azoutara con forza o suroeste do estado de Kentucky nos Estados Unidos, este venres pola noite.
O gobernador do estado asegurou que a cifra pode incrementarse conforme avancen os traballos de rescate despois de que un número sen precisar de empregados de Amazon quedaran atrapados no interior dun almacén da empresa tras o colapso do teito do edificio.
No seu interior poderían estar no momento do derrube unhas 110 persoas.
As autoridades temen que o número de falecidos supere o cento.
O condado de Graves, no que está a cidade de Mayfield, foi o máis afectado. Supón para as autoridades o evento de tornados máis grave da historia no estado.
Case 400.000 fogares están sen electricidade nas zonas dos tornados.
Cinco estados víronse afectados pola vaga dunha vintena de fenómenos desta natureza este venres. O maior impacto sucedeu en Arkansas, Illinois, Kentucky, Missouri e Tennessee.
Os servizos meteorolóxicos informan de que o perigo non pasou xa que as treboadas están a desprazarse cara ao leste e afectarán o norte de Lousiana e o sur de Ohio este sábado.
O presidente Biden ordenou que se destinen de inmediato máis recurso para atender ás areas arrasadas, despois de recibir información sobre os tornados en sete estados. Nun chío Biden cualificou o ocorrido como "unha traxedia inimaxinable".