Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un tornado mariño fai voar o mobiliario urbano en Cangas

Un tornado mariño fai voar o mobiliario urbano en Cangas

O remuíño de vento desprazou mesas, sillas e contedores na praia da Rodeira

Todo quedou nun susto e non hai danos importantes

G24.gal 05/01/2024 14:30

Todo sucedeu en cuestión de segundos contra a unha do mediodía nos arredores da praia da Rodeira. Un repentino remuíño de vento lograba que contedores, cadeiras e mesas cruzaran de beirarrúa voando.

"Estaba dentro do bar e saín recoller a terraza, pero de súpeto todo saía voando, era unha especie de tornado, quedamos asustados".

"Sentín ruído, chuvia, pedrazo e vin os contedores que saían voando".

"Foi impresionante, facía círculos e botaba os contedores cara aos coches aparcados, voaron as cadeiras, eu nunca vin cousa igual", din os veciños.

Todo apunta a que o culpable foi unha manga ou tornado mariño. 

"Son moi difíciles de predicir e danse co tempo moi inestable. Trátase dun descenso de presión moi localizado e brutal, o aire ascende pola diferenza de temperatura desde a superficie do océano cara á nube, e faino en espiral e no sentido contrario ás agullas do reloxo", explica Ana Celia Vázquez, presentadora de 'O tempo TVG'.

O remuíño adoita desfacerse ao chegar á terra. Pero desta volta fíxose notar, tamén entre os veciños que estaban na casa.

"Eu pensei que caía a galería da casa, escoitei un ruído moi grande, levanteime e vin o que pasaba".

"O neno comentoume que no balcón de casa quedou todo tirado, os adornos de nadal no chan e as luces movidas", din as veciñas.

A forza do tornado foi tal que, segundo din aquí, logrou tirar ao chan algúns rapaces que adestraban no campo de fútbol da praia. Por sorte, todo quedou nun susto e só houbo que lamentar pequenos danos materiais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade