Un total de 21 deportistas galegos, preseleccionados para os Paralímpicos de París 2024
Un total de 21 deportistas galegos, preseleccionados para os Paralímpicos de París 2024
O presidente da Xunta recibiu varios deportistas galegos que participarán nos xogos paralímpicos
Un total de 21 deportistas galegos foron preseleccionados para os Xogos Paralímpicos de París 2024, e varios deles acudiron este mércores á presentación en Santiago dos obxectivos do equipo nacional para esta cita na capital francesa a partir do 28 de agosto.
A lista definitiva para acudir a París 2024 farase pública o próximo 15 de xullo, de entre os máis de 250 preseleccionados, seguindo os criterios de clasificación establecidos polo Comité Paralímpico Internacional, o Español, e as federacións deportivas españolas que engloban as 22 modalidades de competición do programa de París.
Segundo explicou o director de Comunicación do Comité Paralímpico Español, Luis Leardy, que tamén foi deportista paralímpico en natación, España ten opcións de clasificación para 17 deses deportes e, a día de hoxe, xa hai 71 prazas conseguidas, entre elas as de varios galegos.
Esta mañá o presidente da Xunta recibiu a varios deportistas galegos que participarán nos xogos paralímpicos.
Aí estaban Susana Rodríguez Gacio, Judith Rodríguez, Araceli Menduíña, Desiré Vila, Juan Saavedra, Adrián Mosquera, Iago Fernández,Alberto Seoane ou Damian Ramos.
Durante a recepción que se celebrou na Cidade da Cultura, a triatleta Susana Rodríguez Gacio, que aspira a participar nos seus terceiros Xogos, dixo que cre que vai ser "mellor atleta que en Toquio". Pola súa banda, o deportista de tiro Juan Antonio Saavedra, con praza xa asegurada para a súa sexta cita paralímpica, destacou o nivel de "integración" do deporte galego.
O presidente do Comité Paralímpico convidou a afondar nas historias humanas destes deportistas, un exemplo, di, para todos os que os vexamos competir. Alfonso Rueda destacou o seu papel de embaixadores de Galicia e afirmou que a Xunta seguirá apoiándoos.
"Fomos a primeira comunidade autónoma e dar as mesmas axudas os deportistas de alto nivel, sexan olímpicos ou paralímpicos. Todos merecedes o mesmo apoio", dixo Rueda.