Un veciño de Coirós vai sacrificar un boi de 1.500 quilogramos
Un veciño de Coirós vai sacrificar un boi de 1.500 quilogramos
Foi alimentado sempre de forma natural co excedente de produción da explotación do seu dono
Ten sete anos, foi castrado cando tiña un e mide case 170 cm
Rubio é un boi de 1.500 quilos que está a piques de pasar polo matadoiro e que se criou con moito agarimo, dedicación e, sobre todo, unha alimentación excelente. Conta o seu dono, David López, un veciño de Coirós e propietario dunha explotación agrícola, que "este e non outro foi, sen dúbida, o segredo de que estea tan bonito".
Rubio ten sete anos, mide case 170 cm e segundo o seu dono "foi castrado antes do ano, alimentado de forma natural, todos os días vai ao pasto, come herba verde, fariña de millo feita na casa, patacas, cabaciñas, tomates e todo o que produce a explotación". Pensan que ten o nivel de engraxamento bo e que a carne está perfecta para degustar.
A carne de Rubio está moi demandada pero o seu propietario, que recoñece que pola alimentación que lle dou o seu valor é incalculable, vaino vender a unha carnicería de Guísamo. Segundo Jesús Fraga, propietario da carnicería, "sabendo como foi alimentado a carne vai ser bandeira". Di tamén que "sacarán uns 900 quilos para facer chuletóns, hamburguesas e roxóns".
Estímase que a carne de Rubio estea lista para cando comece o verán.