Un xulgado vigués fixa unha pensión de 40 euros para unha mascota tras un divorcio
Un xulgado vigués fixa unha pensión de 40 euros para unha mascota tras un divorcio
O xuíz determina que a mascota do matrimonio quedará ao coidado da muller e que ambos os dous aboarán "a metade dos gastos extraordinarios e de veterinario"
Atendendo ao maior poder adquisitivo do home, a sentenza establece que el "contribuirá ao gasto do animal coa suma de 40 euros ao mes"
A Audiencia Provincial de Pontevedra ratificou recentemente unha sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 15 de Vigo, en que se fixa, entre outras cuestións, unha pensión de 40 euros mensuais para unha mascota tras un proceso de divorcio.
En concreto, na sentenza, en que tamén se establecen condicións de custodia e pensión para os fillos da parella divorciada, o xuíz determina que a mascota do matrimonio quedará ao coidado da muller e que ambos os dous aboarán "a metade dos gastos extraordinarios e de veterinario".
Con todo, atendendo ao maior poder adquisitivo do home, a sentenza establece que el "contribuirá ao gasto do animal coa suma de 40 euros ao mes", unha cantidade "actualizable anualmente conforme ao IPC".
A sentenza orixinal data de febreiro do ano pasado, aínda que foi confirmada a finais de 2023 pola Audiencia de Pontevedra tras un recurso interposto pola muller en relación ao réxime de custodia compartida dos fillos da parella, así como ao uso dun vehículo. A Audiencia rexeitou o recurso e confirmou a decisión xudicial inicial.