Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha apicultora de Verea regala trampas para velutinas

Unha apicultora de Verea regala trampas para velutinas

Ela mesma ten colocadas unhas 200 trampas, pero asegura que non é dabondo para protexer as súas colmeas

G24.gal 26/04/2024 14:27 Última actualización 26/04/2024 14:38

Ben é sabido os problemas que provocan as velutinas especialmente nas zonas rurais. Pois ben, unha veciña de Verea, farta de loitar contra elas, decidiu elaborar e regalar as trampas para tentar reducir a súa presenza na zona e protexer as súas colmeas. Di que en tan só nun mes xa regalou máis dun cento.  

Conta Olga que hai uns tres anos foi cando a presenza de velutinas comezou a ser evidente mesmo nunha zona alta coma esta de Verea. De feito, hai que percorrer sete quilómetros de monte para chegar ás súas colmeas. Di que hoxe ten colocadas por todo o camiño unhas duascentas trampas para velutinas. Pero iso non era dabondo. 

"Eu mato as miñas raíñas aquí, pero as raíñas que hai no pobo do lado colonizan esa zona e virían cara a min e estaría co problema igual. Entón dixen: pois vou regalar trampas, a xente que pase se as quere levar, e ao mesmo tempo tamén lle creo conciencia sobre a importancia que teñen as abellas".

E o caso é que correu a voz. Agora non son poucos os que deciden parar na súa casa de Sanguñedo, a pé de estrada, por certo, para levar unha das súas trampas, con líquido ou sen el, como prefiran. 

"Fíxolles gracia a noticia ou, eu que sei, entón xa viñeron, xente aí dos pobos e mesmo me traen as botellas. Isto xa haberá un mes que empecei a dalas. Xa paso dun cento, agora xa perdín a conta."

Olga ten unha explotación apícola en ecolóxico dende o ano 2016. Vende o mel que produce, por iso di que non pode quedar de brazos cruzados.

"A tristeza que che xera iso de chegar aos colmeares e ver milleiros de velutinas alí atacando, e ti indefensa. Que fas?".

É agora na primavera cando recomendan colocar as trampas de velutinas para atrapar o maior número de raíñas posible. A tarefa non é sinxela, pero o ánimo, conta Olga, segue intacto, contribuíndo co seu pequeno gran de area a conservar o seu medio de vida. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade