Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha célula xihadista planeaba atentar en Barcelona contra un colexio e contra iates de oligarcas rusos

Unha célula xihadista planeaba atentar en Barcelona contra un colexio e contra iates de oligarcas rusos

A rede manexaba información dos barcos de luxo dos magnates Anatoly Sedikh e Alisher Usmánov

Tratou de adquirir no mercado ilegal granadas, bombas lapa e fusís

Os seis acusados, que este luns van ser xulgados na Audiencia Nacional, querían estender a "guerra santa" ata territorio ruso

O alxerino Berkan Azizi, Rabeh, detido en Barcelona enc 2019 O alxerino Berkan Azizi, Rabeh, detido en Barcelona enc 2019
G24.gal 12/11/2022 17:51

A Audiencia Nacional xulga desde este luns seis presuntos integrantes dunha célula xihadista que tras adestrárense no manexo de armas e explosivos tiña "como prioridade" atentar en Barcelona contra obxectivos rusos, entre os que barallaron tanto turistas coma iates de oligarcas atracados no porto.

O considerado líder desta célula, o alxeriano R. H., alcumado Rabeh, "seguindo a selección de obxectivos realizada polo ISIS e as súas indicacións de perpetrar atentados contra intereses rusos", decidiu que a célula debía atentar nesa dirección, segundo recolle o escrito de conclusións do fiscal.  Pide para el a pena máis alta, 14 anos de cárcere, por un delito de promoción e dirección dun grupo terrorista.

Con este obxectivo, o 28 de setembro de 2017, semanas despois dos atentados das Ramblas, Rabeh e outro dos acusados, O. N., alcumado Brahim, que se enfronta a unha petición do fiscal de 12 anos de cárcere por integración en organización terrorista, seguiron por Barcelona un cidadán ruso.

Dous meses antes, o 10 de xullo de 2018, Brahim manifestara a unhas persoas que o acompañaban polo litoral de Barcelona: “Odio a estes (turistas rusos sentados nunha terraza), se tivese un kalashnikov dispararíalles e mataría máis de 60”. Este propósito de atentar contra intereses rusos, sostén o Ministerio Público, era plenamente compartido por outro dos acusados L. A., alias Soufian, que tamén se enfronta a 12 anos de cárcere, e que lle enviou o 23 de febreiro de 2018 a Brahim un discurso dun xeque non identificado dirixindo unha mensaxe ameazante a Rusia.

Soufian -engade o escrito- foi o encargado, ademais, de contactar con outro dos acusados, H. H., para concretar os obxectivos de interese rusos na Cidade Condal.

A Fiscalía destaca que este último, ao que considera colaborador da célula e pide para el 9 anos de cárcere, traballaba no porto de Barcelona, na empresa Mediterranean Yacht Painters, que presta servizo de reparación e mantemento de iates de grande eslora.

Para "asegurarse a súa adhesión ideolóxica", explica o fiscal, mandáronlle distinto material propagandístico de corte xihadista, como o discurso dun sheik que realizaba unha forte crítica a Rusia pola súa participación no País do Sham (Siria).

Finalmente este acusado indicou os posibles obxectivos a Soufian, "quen fotografou tres iates propiedade de cidadáns rusos que se atopaban ancorados no porto de Barcelona" e deixou as imaxes almacenadas no seu teléfono.

Tratábase dos iates Radiant, construído polo empresario ruso Berezovsky; o Dilbar de Alisher Usmánov e o Hermitage de Anatoly Sedikh, o segundo fabricante de tubos de Rusia.

Imaxe do iate Hermitage do empresario ruso Anatoly Sedikh Imaxe do iate Hermitage do empresario ruso Anatoly Sedikh

Estas tres embarcacións son habituais no porto de Barcelona, onde atracaron en diferentes períodos. O 28 de xullo de 2018, o líder da célula e Brahim mantiveron unha conversación na que se animaban mutuamente a atentar contra cidadáns rusos comentando que estaban a ver vídeos de lobos: "E hoxe un da raza de Putin...".

O líder deste grupo procedeu a marcar os obxectivos tras adestrarse na utilización de explosivos e coitelos ou en como realizar con éxito atropelos masivos e coa expectativa de obter material de guerra.

A designación dos intereses rusos non foi casual senón que estaba en concordancia coas liñas de actuación do Dáesh, que xa en 2016 instara a "soprar o lume dunha guerra santa" contra Moscova. Na elaboración dos plans de atentar en Barcelona contaron coa "axuda esencial", di o fiscal, dun segundo acusado de colaboración, E. E. M. B., "en orde á pretendida obtención de armamento".

O sexto acusado, H. B, alcumado Miami, era o encargado da loxística informática, e é que a célula, a través de Brahim, estaba en contacto con membros de ISIS mediante un complexo sistema consistente no uso encadeado de diversas aplicacións. Grazas a esta conexión directa, podían consultar todo o material cando fose publicado, e nun deses vídeos lánzase unha mensaxe aos lobos solitarios para atentar nos países nos que se atopen. O mesmo estilo dos atentados de Rusia e Al-Andalus (Barcelona), e que finalizaba con imaxes do atentado das Ramblas e fotografías do Rei, o presidente do Goberno e o presidente da Generalitat no acto de homenaxe ás vítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade