Unha factoría de Teixeiro subminista proteína vexetal aos fabicantes de penso galegos
Unha factoría de Teixeiro subminista proteína vexetal aos fabicantes de penso galegos
A empresa emprega o millo como materia prima
Galicia é a maior produtora en España de pensos de vacún. Para a súa elaboración usa ingredientes como o DDGS, un nutriente vexetal que antes importaban e agora mercan practicamente no cen por cento en Teixeiro, nunha factoría que produce bioetanol pero aproveita todo da súa materia prima, o millo, para fabricar tamén esta proteína.
O director xerente da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos, Bruno Beade explica que "as importacións de DDGS baixaron moitísimo. Estamos usando sempre o produto que ven de Teixeiro pola redución de custes derivados do transporte".
Begoña Pumar é responsable de Calidade, Medio Ambiente e Sustentabilidade de Bioetanol Galicia. Di que son un exemplo de economía circular "o DDGS é o produto que obtemos despois de fermentar o cereal. O proceso baséase na economía circular. A partir da materia prima, que é o cereal, obtemos por un lado o etanol e a parte que non fermentou, que sería a graxa, a fibra, a proteína".
Os produtores destacan outro beneficio, a súa formulación nutricional. Inciden en que "facilita porque sempre estamos formulando co mesmo dato. Nós ao final o que queremos é preparar unha ración completa para unha determinada especie de animal nunha determinada idade. E temos que ter un obxectivo nutricional".
Para facilitar a súa manipulación e conservación, o DDGS peletízase. No proceso hai unha colaboración estreita co sistema Galis de seguridade alimentaria da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos, que analiza e controla todas as materias primas que usan para fabricar os pensos en Galicia.