Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arrancan os traballos para reparar a fochanca que obrigou a cortar a estrada AC-543

Arrancan os traballos para reparar a fochanca que obrigou a cortar a estrada AC-543

O corte está no quilómetro 17,8, da estrada que une Noia e Santiago, á altura do lugar do Castro en Urdilde

Activado un desvío obrigatorio do tráfico entre as saídas 15 e 19 do corredor de Brión

G24.gal 22/03/2023 14:11

Todo indica que foron as filtracións nunha drenaxe subterránea as que orixinaron a fochanca que ten cortada a estrada vella entre Noia e Santiago á altura de Urdilde, en Rois. 

"Por debaixo da estrada hai unha canalización para evacuar as augas do corredor -que circula paralelo a esta estrada- e debeu haber filtracións que orixinaron esta cheminea", explica o xefe de servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, Felipe de la Vega.  

A auga foi buscando o seu sitio e deixou a estrada no aire, ata que o firme venceu. O burato ten uns dous metros de diámetro e catro de fondo. Está no quilómetro 17,8 da AC-543, que permanece cortada neste punto. 

O corte da estrada obriga a desviar o tráfico nun treito de catro quilómetros polo corredor de Brión (CG-1.5) entre Urdilde (saída 15) e Martelo (saída 19). 

Os traballos de reparación xa están en marcha, pero van levar días. "Hai que substituír toda a canalización subterránea", explica o xefe de servizo da AXI. "A intención é rematar a semana que vén -afirma-, sempre que o tempo nos permita traballar".

Por sorte, e malia a aparatosidade do burato, de dous metros de profundidade e catro de ancho, non provocou danos persoais que lamentar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade