Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha liorta nocturna en Ribeira deixa varias persoas identificadas e unha denuncia por lesións leves

Unha liorta nocturna en Ribeira deixa varias persoas identificadas e unha denuncia por lesións leves

Os veciños de Bandarrío din que as pelexas son frecuentes

G24.gal 29/05/2023 14:41

As imaxes dunha pelexa en Ribeira correron como a pólvora polas redes sociais. Graváronse na rúa Cervantes, nun dos epicentros do ocio nocturno na vila, e nelas vese como varias persoas participan nunha liorta que rematou cun ferido leve atendido no PAC.

Parece que a lea comezou cunha discusión por unha chaqueta. "Un mozo acusou dúas rapazas de roubarlle a chaqueta, estivo detrás delas moito tempo e elas defendéronse como puideron" explica a camareira dun dos locais da rúa. "Unha delas agarrouno polo pescozo e el empurrouna", engade, e foi aí cando outras persoas "dos dous bandos" metéronse a pelexar. 

Axentes da policía nacional personáronse no lugar dos feitos, e identificaron varias persoas presuntamente implicadas na pelexa. Hai unha denuncia presentada por lesións leves que resolverá o xulgado de Ribeira.

Os veciños de Bandarrío din que están xa tristemente afeitos ao barullo que se monta no barrio cada fin de semana. Denuncian que, máis alá das molestias polo ruído, as liortas son frecuentes. "Hai pelexas, puñazos, borracheiras", di un veciño. "É un sinvivir, un caos", advirte outro.

Así que piden medidas de control para poder vivir máis seguros e máis tranquilos. "Temos dereito a descansar, temos que ir traballar, e non hai maneira", conta un veciño da rúa Cervantes. Di que as noites de fin de semana, mesmo ten medo de saír á rúa: "é que non podes saír, tes medo. Se saes á rúa corres o risco de meterte nunha lea".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade