Publicador de contidos
Publicador de contidos

A muller que desaparecera en Rairiz de Veiga regresa en bo estado

A muller que desaparecera en Rairiz de Veiga regresa en bo estado

A muller, de 40 anos, pasou dúas noites fóra da casa, pero estaba preto e volveu voluntariamente 

Viñera de Francia para pasar as festas coa familia en Lampaza

A Garda Civil investiga que motivou a súa desaparición

 

Á primeira hora da mañá volveu á casa polo seu propio pé.
G24.gal 03/01/2022 13:32

Rematou ben a busca dunha muller que desaparecera no concello ourensán de Rairiz de Veiga. Estivo perdida dúas noites, pero foi localizada con vida esta mañá. 

Foi contra as nove e media da mañá cando a muller desaparecida de 40 anos volveu á vivenda familiar, na aldea de Lampaza, no concello ourensán de Rairiz de Veiga. Xusto ían comezar os efectivos de Protección Civil a súa procura.

"A desaparición tivo lugar sobre as tres da mañá na madrugada do día 1 ao día 2 e rapidamente os familiares foron, despois de buscala, poñelo en coñecemento da Garda Civil. Montamos o operativo de busca para hoxe á mañá a Garda Civil, a unidade canina da Garda Civil,  as agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Rairiz de Veiga, Porqueira e Xinzo de Limia. E incluso estaba previsto que viñeran os drons de AXEGA para buscala", explica Juan José Morales Domínguez, xefe da Agrupación de Protección Civil de Rairiz de Veiga. 

A muller pasou dúas noites fóra da casa, pero moi cerca dela. Vive en Francia e viñera pasar uns días cuns familiares.

Segundo confirmou a Garda Civil, volveu voluntariamente á casa familiar e en bo estado de saúde. Por sorte, malia a tensión familiar que xerou a súa desaparición, todo quedou nun susto.

"Afortunadamente apareceu nunha palleira cerca, na localidade de Padroso e acabou todo sen consecuencias", asegura o xefe de Protección Civil de Rairiz de Ourense. 

"Por sorte, apareceu, apareceu ben, parece que está ben, entón alegrámonos por iso, que quedara todo nun susto e nada máis", di unha veciña de Lampaza.

Por prevención, a muller que, segundo puidemos saber, estaba a tratamento por estrés postraumático, foi trasladada en ambulancia ao centro de saúde de Xinzo de Limia para ser sometida a un recoñecemento médico. A Garda Civil abriu unha investigación para esclarecer que pasou e que motivou a súa desaparición.

 

No dispositivo de busca estaba a participar a Garda Civil e voluntarios de Protección Civil
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade