Unha vaca aparece no tellado dunha casa de Entrimo
Unha vaca aparece no tellado dunha casa de Entrimo
O animal, de máis de 150 quilos, superou todo tipo de atrancos
A cachena saíu polo seu propio pé e xa está outra vez no prado
Ninguén se explica como acabou caendo no tellado dunha casa de Entrimo unha vaca cachena. O animal atravesou un auténtico labirinto para chegar ata o cimo da vivenda. O balbordo foi tanto que os donos da casa pensaron que non podía ser cousa de ladróns. A sorpresa foi maiúscula cando viron que se trataba dunha vaca.
Cando a propietaria da vivenda chamou tanto o 112 como a Garda Civil respondéronlle que ás cinco da madrugada non eran horas para facer bromas. Así, estiveron acompañando a vaca ata que o seu propietario acudiu ata o lugar e puideron erguela ao cabo de tres horas.
O animal saíu polo seu propio pé e agora xa se repón coas súas compañeiras de rabaño pacendo no prado.
Malia que os danos foron cativos e a vaca puido salvarse, os veciños seguen dándolle voltas a como puido chegar o animal ata o tellado e mesmo como non acabou caendo polo burato que fixo no falso teito.