Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha vaga histórica de tornados deixa decenas de mortos nos Estados Unidos

Unha vaga histórica de tornados deixa decenas de mortos nos Estados Unidos

O tornado máis destrutivo, que percorreu 250  millas, podería pasar á historia

Joe Biden aprobou este sábado a declaración de emerxencia en Kentucky

Buscan sobreviventes nunha fábrica derruída con 110 persoas dentro

 

G24.gal 12/12/2021 08:23

A serie de tornados máis intensa que se lembra azoutou na madrugada deste sábado seis estados norteamericanos. Deixou decenas de persoas mortas e un número indeterminado de desaparecidas, ademais dun ronsel de devastación que levou por diante poboacións enteiras e provocou incontables danos.

A tormenta, que comezou na noite do venres, golpeou con forza Arkansas, Illinois, Kentucky, Missouri, Misisipi e Tennessee. Segundo o Servizo Nacional de Meteoroloxía (NWS, en inglés), recibíronse informes de 37 tornados en distintos estados.

A cadea estadounidense CNN considera probable que as vítimas mortais sexan polo menos 84 en todo o país, segundo distintos informes das autoridades.

Rescates e falecementos

Na localidade de Mayfield ( Kentucky), completamente derruída, unha fábrica veuse abaixo con 110 persoas dentro. Polo momento, corenta foron rescatadas e o operativo continúa.

Tamén buscan sobreviventes nun almacén de Amazon en Edwardsville (Illinois), onde se rexistraron seis falecementos. 

Ademais, unha persoa perdeu a vida nunha residencia de anciáns en Monette (Arkansas) azoutada polos fortes ventos. Nese mesmo estado, no condado de Jackson, rexistrouse outro falecemento. En Tennessee confirmáronse catro mortes e dúas en Misuri.

Danos incalculables

O presidente estadounidense, Joe Biden, aprobou este mesmo sábado a declaración de emerxencia en Kentucky para acelerar o desembolso de axuda a través da Axencia Federal para a Xestión de Emerxencias (FEMA).

Biden, quen cualificou o ocorrido como unha "traxedia inimaxinable", prometeu na tarde do sábado nun discurso desde a súa cidade, Willmington ( Delaware), que o seu Goberno fará "o que sexa necesario" para apoiar os estados azoutados polo temporal.

O líder demócrata falou cos gobernadores dos estados máis afectados para expresarlles as súas condolencias polas vidas perdidas e polo dano causado nos seus territorios, segundo un comunicado da Casa Branca.

Tormenta inédita

A tormenta do venres pode pasar á historia, xa que o tornado máis destrutivo (investígase se foi unha vaga) percorreu "máis de 250 millas a través de varios estados (incluídos Arkansas, Misuri, Tennessee e Kentucky)", segundo o NWS.

De confirmarse que se tratou dun "tornado de catro estados" marcaría a traxectoria máis prolongada para un fenómeno deste tipo na historia estadounidense.

En marzo de 1925, un tornado de "tres estados" atravesou Misuri, o sur de Illinois e o suroeste de Indiana, deixando, despois de percorrer 219 millas, uns 695 mortos e 2.027 feridos.

Os prognósticos para as próximas horas non son alentadores. O Centro de Predición de Tormentas advertiu do risco de tormentas eléctricas severas en varias zonas de Ohio, Tennessee e outras áreas do sueste.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos