Unha vintena de parellas casan polo rito celta en Cedeira
Unha vintena de parellas casan polo rito celta en Cedeira
É a décimo quinta edición do Lugnasad de Cedeira
Entre as parellas reunidas este sábado en Cedeira para casar polo rito celta hai galegos, pero tamén cataláns, vascos, madrileños, casteláns, andaluces e ata unha unha inglesa e un alemán.
"Queremos enraizarnos nestas terras e comprometernos a vivir este ano xuntos o amor", explica o alemán Gerrit Grossjohann.
Algúns buscan completar as súas vodas oficiais ou que estes votos lles vallan de ensaio.
"Este ano casamos polo civil e dixemos 'imos casar tamén por este rito' e aquí estamos", conta Marcial López.
"Temos a voda oficial en outubro. Esta é unha prevoda, unha proba, senón devolvémonos", chancea Marina López.
Outros levan anos vindo e renovando o seu compromiso, porque as vodas celtas caducan.
"Porque os celtas se tiñan algún problema coa parella ao ano seguinte cambiaban. É un contrato temporal", apunta Garmán Vaquero.
"Os celtas, tanto os homes coma as mulleres, tiñan os mesmos dereitos. Ademais, era a muller a que elixía o home e dicíano de palabra", engade o promotor do encontro.
Os veteranos botan de menos os tempos en que montaban un poboado celta e a celebración alongábase.
"As casetas celtas, cos nenos, co churrasco, coa familia e toda noite troulando e dormiamos alí. Pasabámolo moi ben", recorda Herminia Díaz.
Ademais de revivir os ritos celtas, o encontro é unha desculpa máis para coñecer Cedeira e a comarca de Ortegal.
"A escusa era a voda para logo coñecer a zona", admite Gotzon López.