Denuncia o banco por querer cobrarlle comisión para retirar os seus cartos
Denuncia o banco por querer cobrarlle comisión para retirar os seus cartos
A muller, xubilada, reclama "un trato xusto, digno e humano" para a xente máis vulnerable
"É que lles supliquei que me desen os cartos, que os necesitaba, a ver se os conmovía; non se conmoveron".
Así relata Amparo Molina, unha muller xubilada, como se sentiu cando solicitou axuda ao persoal dunha sucursal do BBVA na localidade valenciana de Burjassot, despois de non poder sacar cartos coa súa cartilla de aforros dende o caixeiro.
Noutras ocasións recibira colaboración, pero desta vez asegura que lle dixeron que tiña que facer a operación no interior, pagando dous euros de comisión.
"Sempre me acudiron, pero ese día dixéronme que non, que non me ían axudar máis coa miña cartilla, que mudaron todo e que se quería cartos tiña que ir ao portelo a pagar dous euros", relata Amparo Molina.
A muller marchou do banco sen os cartos e acabou denunciando os feitos na Garda Civil. Tamén lles mandou unha carta aos empregados da sucursal lembrándolles que é unha persoa maior, pero non idiota, e que deberían axudar as persoas que coma ela o necesitan.
"Un trato xusto, un trato digno, un trato humano. Que non nos cobren por todo, que nós temos unha pensión precaria; que nos poñan un portelo para atendernos a nós e á xente máis vulnerable, e que nos fagan unha cartilla sen custo ningún", reivindica esta xubilada.
Varias asociacións de consumidores denuncian os problemas que están a vivir moitas persoas maiores coas súas entidades bancarias de toda a vida, polo proceso de dixitalización tan acusado que desenvolveron os bancos nos últimos anos.