Unha xuíza andorrana comunica a Rajoy que o investiga pola "Operación Cataluña"
Unha xuíza andorrana comunica a Rajoy que o investiga pola "Operación Cataluña"
Investíganse delitos de coaccións, ameazas, extorsión, chantaxe e falsidade documental
Unha xuíz andorrana notificou ao expresidente do Goberno Mariano Rajoy e ao que fora o seu ministro de Interior Jorge Fernández Díaz que os investiga por mor dunha querela por supostas presións á Banca Privada d'Andorra (BPA) para obter información de políticos cataláns durante o procés.
A investigación deriva dunha querela, admitida a trámite en 2020, que presentaron o Institut de Drets Humans d'Andorra, Drets e o expresidente de BPA Higini Cierco pola chamada "Operación Cataluña" e inclúe como investigado o exsecretario de Estado de Interior Francisco Martínez e o exdirector da Policía Ignacio Cosidó, segundo informaron as entidades denunciantes.
Quince días para designar representación letrada
A xuíz de instrución número 2 de Andorra Stéphanie Garcia Garcia expediu agora comisións rogatorias para notificar a querela aos denunciados e dálles quince días para que designen representación letrada e advírteos de que se non o fan se lles nomeará un avogado de oficio, explicaron o Institut e Drets nun comunicado.
Tamén acordou a xuíz remitir de novo comisións rogatorias ao exdirector adxunto operativo (DAO) da Policía Nacional Eugenio Pino e ao exinspector xefe Bonifacio Dez, que xa foron citados no seu día pero non se presentaron.
Delitos de coaccións, ameazas, extorsión, chantaxe e falsidade documental
A querela, que inicialmente se dirixía contra os membros da chamada "policía patriótica", ampliouse posteriormente por mor das incorporacións de novos denunciantes, entre eles a familia Pujol.
A querela, presentada polos delitos de coaccións, ameazas, extorsión, chantaxe e falsidade documental, acusa a Rajoy e Fernández Díaz de enviaren membros da policía para facer presión a a responsables do BPA co obxecto de lograr información de contas bancarias de políticos cataláns no Principado, entre eles, o expresidente Artur Mas, o líder de ERC Oriol Junqueras ou a familia Pujol.
O goberno de Rajoy extorsionou os responsables do BPA, segundo a querela
A denuncia sostén que o Goberno español extorsionou os responsables do BPA, ameazándoos con forzar o peche da entidade e da súa filial española Banco Madrid, ambas xa clausuradas, se non facilitaban a información esixida.
Segundo os querelantes, o Goberno de Rajoy enviou supostamente información falsa sobre BPA á oficina de control de delitos financeiros dos Estados Unidos á vez que "intimidaba" o Goberno andorrano e os seus ministros nunha visita oficial ao Principado en xaneiro de 2015 para precipitar o peche da entidade.