Unidade institucional a oito días da entrada en vigor do veto á pesca de fondo
Unidade institucional a oito días da entrada en vigor do veto á pesca de fondo
As comunidades afectadas agardan poder reunirse co ministro de Pesca en datas próximas
A Xunta ofrécese a colaborar man a man co Goberno central na preparación do recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea contra a prohibición da pesca de fondo no Atlántico.
A Conselleira do Mar, Rosa Quintana mantén que as cinco comunidades afectadas poden achegar argumentos xurídicos e técnicos para que Bruxelas mude de opinión.
"O máximo apoio ao Goberno do Estado ao fin de axudarlle a construír todos os argumentos xurídicos e técnicos que sexan posibles para presentar canto antes ese recurso e intentar chegar á conciencia do comisario para que como mínimo conceda unha moratoria".
Coas vistas postas na campaña do Nadal, a moratoria é o paso máis urxente para o sector, segundo explica Alfonso Rueda, presidente da Xunta.
"Eu creo que agora mesmo o que procede tamén é, á parte de presentar o recurso, que mentres non se resolva non se aplique a medida, porque o que queremos é que non se aplique nin un só día. A saída dos barcos, aínda que despois poidan volver, tería efectos moi prexudiciais dende o primeiro día, por tanto eu pediríalle ao Goberno que se se presenta o recurso, magnífica decisión que todos aplaudimos, que vaia acompañado dunha petición de suspensión; polo menos pedilo".
Tamén o líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, marca como prioridade a defensa do sector pesqueiro en Bruxelas.
"A pesca de fondo hai que respectala, que a pesca galega, a frota galega que son 30.000 persoas, 4.950 barcos hai que respectalos porque é un sinal de identidade é unha tradición neste país".
Se non hai marcha atrás, dende o domingo día 9 os barcos do arrastre terán prohibida a entrada en 87 áreas marítimas.