Uns 13.000 galegos enfróntanse a oposicións para prazas públicas esta fin de semana
Uns 13.000 galegos enfróntanse a oposicións para prazas públicas esta fin de semana
Realizaranse no Recinto da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, en Silleda, e na Facultade de Dereito da USC
Uns 13.000 galegos están chamados a participar esta fin de semana en diversos procesos selectivos para distintos postos da administración xeral galega e do Estado.
En concreto, máis de 5.000 persoas acudirán aos exames de oposición para cubrir 148 prazas da administración xeral de Galicia que se realizarán o sábado no Recinto da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, en Silleda (Pontevedra), e o domingo na Facultade de Dereito da USC.
Así, segundo informa a Xunta, este sábado, ás 9:00 horas, terá lugar o primeiro exame para cubrir 15 prazas da escala de auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos (C2), no que están admitidas 1.048 persoas; mentres que ás 15:30 horas dará comezo o primeiro exame para cubrir 117 prazas da especialidade de limpeza e cociña (AP), que contará con 3.750 participantes. Pola súa banda, o domingo ás 09:00 horas, na Facultade de Dereito, será a quenda do exame de auxiliar de recursos naturais e forestais, con 16 prazas para 451 persoas.
Da mesma maneira, un total de 7.742 persoas están convocadas tamén esta fin de semana nas sedes da Coruña e de Vigo aos procesos selectivos da oferta pública de emprego para os subgrupos A2, C1 e C2 da Administración Xeral do Estado, levándose a cabo o sábado en horario de mañá e de tarde.
En total, son 10 procesos selectivos de ingreso libre e promoción interna para o Corpo de Xestión e o Corpo de Xestión de Sistemas e Informática da Administración, para o Corpo Xeral Administrativo, para o Corpo de Técnicos Auxiliares de Informática da Administración do Estado e para o Corpo Xeral Auxiliar da Administración do Estado.
Segundo explica a Delegación do Goberno en Galicia nun comunicado, esta convocatoria ofrece 31.689 prazas entre acceso xeral e promoción interna distribuídas por todo o Estado, das cales 2.828 son para persoas con discapacidade.