Publicador de contidos
Publicador de contidos

UUAA denunciará industrias lácteas ante Competencia se volven pactar os prezos

UUAA denunciará industrias lácteas ante Competencia se volven pactar os prezos

Sindicatos e gandeiros sospeitan que queren pactar os prezos á baixa

O groso dos contratos rematan este mes e gran parte da industria aínda non presentou as súas ofertas aos gandeiros, incumprindo os prazos que marca a lei

G24.gal 22/03/2023 14:24

Só queda unha semana para que caduque o groso dos contratos das industrias lácteas coas explotación. A estas alturas, a maioría dos gandeiros aínda non recibiron ningunha proposta de renovación, pero sospeitan que pretenden rebaixarlles entre 5 e 7 céntimos o que lles pagan polo litro. Aínda máis, o sindicato Unións Agrarias está convencido de que as industrias poden estar pactando prezos á baixa entre elas. E lembra que é unha práctica ilegal pola que xa foran sancionadas por Competencia con multas millonarias.

José Luis, un gandeiro do Corgo, hai semanas que agarda a oferta de renovación de contrato da empresa á que lle vende o leite. Viñan pagándolle 58 céntimos, e non está disposto a aceptar menos. "Non vou asinar un contrato á baixa e entendo que non o debería facer ningún gandeiro. Con todos os custos que temos non vou perder eu cartos para que o leite estea barato no supermercado".

Unións Agrarias considera que non hai causas obxectivas que o xustifiquen a baixada de prezo, máis aínda cando os custos de produción seguen á alza. O sindicato sospeita que, tras a demora na presentación de ofertas aos gandeiros, hai unha negociación oculta entre as industrias para pactar prezos. O seu secretario xeral, Roberto García, di que semella que as empresas están articulando un novo cártel do leite pero máis sofisticado co que está na Audiencia Nacional, porque no canto de xuntarse e apuntalo nunha axenda están concertados para facer todos unha proposta de baixada moi semellante.

Unha práctica ilegal das empresas que xa foi condenada por Competencia con sancións millonarias e que as industrias recorreron ante a Audiencia Nacional. Asociacións Agrarias, como Agromuralla xa teñen nos tribunais demandas civís reclamando as indemnizacións. Sospeitan que a industria tenta pactar de novo prezos á baixa. 

José Manuel Díaz, da asociación Agromuralla, di que se a industria baixa os prezos, a situación non pode durar moito porque moitas explotacións pecharían e iso tampouco lles convén a eles.

Os gandeiros lembran que as industrias están incumprindo a legalidade por non presentarlles as ofertas en prazo e forma e que as administracións deberían sancionalas e obrigalas á prórroga dos contratos en vigor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade