Vamos cara a unha desglobalización?, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Vamos cara a unha desglobalización?, por Venancio Salcines
Tanto o futuro como o presente foron analizados no marco do Foro da Toxa, as olladas sempre dende un nesgo institucional e empresarial. E afortunadamente, o populismo, as ideas fáciles e a demagoxia quedaron fóra do foro, o cal foi de agradecer.
O futuro da globalización foi un dos temas centrais, e aquí fomos quen de constatar as diferenzas da visión académica norteamericana coa nova axenda europea, máis pragmática e apegada á realidade. Dende os sesenta ata a precovid, a globalización era observada como unha triangulación global: nunha parte do mundo facíase o deseño, noutra producíase e nunha terceira vendíase. A saída da covid, e os seus desaxustes entre demanda e oferta, mostráronnos unha realidade oculta: o produtor, esencialmente A China, xa era consumidor e polo tanto o produto que tiña que saír para as economías desenvolvidas quedaba nas mans do tecido empresarial da economía produtora. A maiores, a fenda de carbono da loxística empezou a colidir coas políticas de sustentabilidade das grandes marcas. Difícil xustificar que unha peza de roupa é sustentable se as súas costas levando queimando gasóleo durante vinte mil millas mariñas.
Eses dous vectores, a protección da cadea de subministración e a fenda de carbono, son novos e marcan unha diferenza substancial co pasado. O futuro, polo tanto, toca definilo en curto, en áreas de proximidade e onde as condicións xeopolíticas permitan ter un marco global de seguridade. E isto, obviamente, lévanos a redefinir as políticas exterior e industrial da Unión Europea. Temas que, con toda seguridade, marcarán as políticas publicas dos diferentes gobernos da Unión.