Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Boiro piden a retirada do proxecto hostaleiro para o monte do Chazo

Veciños de Boiro piden a retirada do proxecto hostaleiro para o monte do Chazo

Consideran que a comunidade de montes decidiu alugalo por 20 anos nunha asemblea en que houbo varias irregularidades

O empresario arrendatario asegura que manterá as árbores e que o proxecto é para levantar 10 cabanas turísticas cos seus servizos básicos

En Abanqueiro a veciñanza está a mobilizarse con diversas accións para frear o proxecto privado para o monte do Chazo
G24.gal 29/06/2023 13:51

Ao pé do monte do Chazo, veciños da parroquia de Abanqueiro fan reconto da súa acción ante o cambio que lle agarda a este espazo singular.

Son 6 hectáreas de terreo rústico propiedade da comunidade de montes de Abanqueiro, que hai un ano decidiu alugar por 20.000 euros anuais durante 20 anos ao propietario do restaurante Chicolino.

Segundo din, foi unha decisión tomada nunha asemblea convocada á medida para sacar adiante a operación.

"Mesmo dando de baixa persoas que tiñan dereito a estar, porque alegaban que o censo era moi amplo e non se podían adoptar acordos e, pola contra, deixaron persoas finadas, persoas que xa non residen. Déronlle a palabra a xente foránea e ás que vivimos aquí non nos dixeron nada, e mesmo se lle ocultou información a algunha veciña. Creo que non hai máis interese económico, e por parte do hostaleiro, un capricho", explica a voceira dos veciños do Chazo.

A presidenta da comunidade de montes de Abanqueiro non atendeu as chamadas dos servizos informativos da TVG para afondar no asunto.

Pola súa súa parte, o empresario arrendatario do monte asegura que o seu proxecto é para construír 10 cabanas e os servizos básicos para aloxamento turístico, cunha senda de acceso público, e que non haberá tala de árbores.

A veciñanza mesmo exhibe apoio admimistrativo á súa reclamación: "Hai un informe técnico do Distrito de Zona Forestal desfavorable sobre o proexcto. Daquela hai aspectos que non entendemos e que nos gustaría que foran explicados", di Castelo. 

E engade que están á espera de que o goberno municipal de Boiro lles mostre o proxecto completo para o monte do Chazo, que en días próximos vai ser rozado, segundo non adiantou o seu novo dono, en principio ata 2042 en réxime de alugueiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade